O alumnado dos centros educativos locais entrega 250 kg de produtos ao Banco Municipal de Alimentos
O Concello de Ortigueira agradece a colaboración e subliña a solidariedad da comunidade educativa local por sumarse de forma xeral á iniciativa “Axúdanos a axudar”. Durante a campaña, activa os días 6 e 7 de xuño, recolléronse uns 250 kg de conservas que se incorporaron xa ao Banco municipal de Alimentos.
Hai que recordar que a iniciativa, impulsada pola Concellaría de Benestar Social, animaba o alumnado do Ceip José Mª Lage, o CEIP de Loiba e o IES de Ortigueira a poñer o seu granito de area á causa, entregando nos puntos de recollida habilitados nos centros, ben unha lata de conservas ben un produto de hixiene persoal.
Tratábase con esta limitación de propiciar que todos/ás os estudantes, á marxe das posibilidades económicas das súas familias, puideran participar, evitando comparacións, e de favorecer entre os nenos e mozos unha reflexión acerca das necesidades que, no actual contexto de crise, poden aflorar en calquera momento no noso ámbito inmediato.
En total, como apuntan dende o departamento de Benestar Social que xestiona a diario o Banco municipal de alimentos, entregáronse máis de 320 latas de conservas, aos que habería que sumar outros 60 produtos de aseo.
Con esta segunda recollida de alimentos da campaña “Axúdanos a axudar”- a primeira realizouse coa colaboración dos supermercados da localidade- Benestar Social conseguiu reforzar o “Banco de Alimentos Municipal” que, como se sabe, ata hai meses se nutría única e exclusivamente de doazóns puntuais e dos fondos doados por Cruz Vermella, e que constitúe, xunto ao roupeiro municipal, elemento central para afrontar situacións de emerxencia social na localidade.











