publicidade hoxe

O alumnado do CPI Progreso de Catoira elixe esta semana os “bos deportistas” e “bos estudantes”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraLocal
A-
A+

Esta semana, a piques de rematar o curso, o alumnado do CPI Progreso de Catoira sométese a unha dobre avaliación. E non son só os mestres os que puntúan, nesta ocasión os propios compañeiros xulgan e son xulgados. Trátase das votacións que se están a realizar nas aulas para elixir os bos deportistas e bos estudantes deste curso académico. Os elixidos/as recibirán unha distinción e un agasallo nun acto que terá lugar o 21 de xuño no Edificio Multiusos.

O Concello de Catoira, a través do Plan Municipal de Prevención das Drogodependencias, implantou este curso no CPI Progreso de Catoira este innovador programa baseado en dous decálogos: Decálogo do bo estudante (DBE) e Decálogo do bo deportista (DBD). O técnico municipal que desenvolve o Plan, en colaboración co profesorado do centro, implantou o DBE en 6º de Primaria e 2º e 4º de ESO, e o DBD en 4º e 5º de Primaria e 1º e 3º de ESO.

O programa contempla tamén actividades que implican ás familias dos alumnos, que realizaron e documentaron fotograficamente actividades deportivas e culturais en común con algún membro da súa familia, instantáneas que a partir da próxima semana se mostrarán nun mural no Edificio Multliusos.

Con este programa preténdense, por unha parte, inculcar e resaltar os valores e actitudes do deporte (cooperación, sacrificio, solidariedade, honestidade, superación, esforzo…) ligados ós propios persoais, ó tempo que se fomenta a adhesión á práctica deportiva, e, co decálogo do bo estudante, conxugar a motivación intrínseca (sentir curiosidade e interese polos contidos e recoñecemento social) e extrínseca (incentivos externos, recompensas) para mellorar o rendemento escolar.

Baseándose nas dez máximas que recolle cada decálogo, os propios compañeiros elixen estes días dentro da súa aula os deportistas e estudantes que mellor cumpriron os obxectivos do programa. O 21 de xuño ás 19:30 horas, celébrase no Edificio Multiusos un acto ó que están convocados os pais e nais dos menores, no que os alumnos/as elixidos recibirán un título honorífico e un lote de material deportivo e escolar, respectivamente. Neste acto intervirá o padriño desta primeira promoción, o prestixioso científico Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal pola Universidade de Satiago de Compostela, director da Fundación Pública Galega de Xenómica e coordinador do Centro Nacional de Xenotipado (CeGen-ISCIII).

Esta iniciativa conta co patrocinio de Decathlon Santiago, editorial Xerais, Fundación Pública de Medicina Xenómica e da Fundación María José Jove.

12 de xuño de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.