O alcalde recibe ao novo presidente do Club do Mar de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal
A-
A+
Reunión do rexedor e o novo presidente do clube

Reunión do rexedor e o novo presidente do clube

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Patricia Bello, edil responsable da área de deportes, recibiron no Concello a Daniel García Rodríguez, o que será novo presidente do Club do Mar, equipo de fútbol federado que representa á localidade de Caión. Na reunión, na que se comunicou a subvención municipal concedida ao club para colaborar economicamente no desenvolvemento da súa actividade ao longo do ano, tamén estivo o directivo da entidade Toribio García.

O Club do Mar de Caión celebrará o sábado da próxima semana (22 de xuño) ás 12.00 horas e na súa sede do centro sociocultural da Ínsua, a asemblea xeral extraordinaria na que Daniel García tomará posesión do cargo de presidente ao encabezar a única candidatura que se presentou no prazo establecido.

O novo mandatario suplirá a Javier Barreiro, que asumiu o cargo desde a refundación da entidade no ano 2009 e ata este verán, etapa na que o Club do Mar de Caión logrou dous ascensos de categoría (de terceira a primeira autonómica), proclamándose ademais campión da Liga da Costa (segunda autonómica) por primeira vez na historia do club caionés na temporada 2011-2012.

O resto dos integrantes da anterior xunta directiva continuarán formando parte do equipo que liderará Daniel García, estando prevista a incorporación de unha ou dúas persoas máis para cooperar na xestión da entidade.

A planificación deportiva para a próxima temporada do Club do Mar de Caión está en punto morto dado que aínda non se coñece a categoría na que competirá. O equipo manterá a súa praza na primeira autonómica sempre e cando acaden o ascenso a Segunda B canda menos dous dos tres equipos galegos que están disputando o playoff (Deportivo B, Celta B e Compostela).

A finais deste mes decidirase a data na que se iniciarán os adestramentos e a directiva comezará a traballar na confección da plantilla de futbolistas. Daniel García explicoulle ao alcalde que unha das iniciativas que se porá en práctica neste ano será ofrecer a varios mozos caioneses a posibilidade de adestrar co equipo durante a semana, aínda que non dispoñan de ficha federativa.

José Manuel López Varela aproveitou o encontro para comunicar ao novo presidente que ao longo do verán está previsto realizar as obras de mellora das instalacións do campo de fútbol municipal de A Porta Santa de Paiosaco, no que o Club do Mar de Caión adestra e xoga os seus partidos como local. O proxecto, cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña, inclúe a creación, xunto ao edificio dos vestiarios, dunha nova sala pechada con cristaleiras e con vista ao terreo de xogo, a mellora das gradas (instalación de asentos e actuación na cuberta) para unha maior comodidade dos espectadores e a renovación do local de atención ao público (taquillas).

O alcalde e a concelleira de deportes desexáronlle os maiores éxitos ao presidente e directivos do Club do Mar de Caión nesta nova etapa que comezará o próximo día 22 de xuño e lembráronlle que, ademais da subvención municipal concedida, o Concello da Laracha continuará prestándolles colaboración de tipo organizativo no desenvolvendo das súas actividades ao longo do ano, tal e como se fai coa totalidade de clubs deportivos e entidades culturais e educativas que así o solicitan.

14 de xuño de 2013 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.