O alcalde insta a General Dynamics a ampliar o prazo ata decembro porque a Fábrica de Armas “ten futuro”

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► A Coruña ► Local ► Local Portada ▼
A-
A+
Negreira durante a comparecencia

Negreira durante a comparecencia

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado polo director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Javier Aguilera, o voceiro do Goberno municipal, Julio Flores, e os representantes do Comité de Empresa da Fábrica de Armas, Roberto Teijido e José Carrillo, deu conta esta mañá sobre o estado das negociacións en torno ao futuro da Fábrica de Armas

“Levamos un mes traballando coordinadamente coa Xunta de Galicia e os traballadores e todos chegamos á mesma conclusión: o proxecto é viable e ten futuro”, destacou o alcalde quen reiterou o apoio do Concello e o Goberno galego ao novo plan da factoría.

Carlos Negreira explicou que durante este tempo se levou a cabo a elaboración dun documento que analiza as capacidades técnicas e humanas da empresa tanto actuais coma potenciais e que espertou o interese de distintos xestores industriais. “É moi importante o que conseguimos en tan só 30 días: temos un documento de viabilidade da empresa, das súas capacidades e competencias; temos o compromiso da Xunta que puxo sobre a mesa todos os instrumentos de financiamento dispoñibles como créditos ou avais; e o que é máis importante, o proxecto conta co interese de varios xestores industriais”, explicou o alcalde e engadiu: “O único que necesitamos é tempo. E se o pedimos é porque sabemos que hai posibilidades. Polo tanto, se General Dynamics non amplía o prazo encontraranse co rexeitamento frontal de todos os que aquí estamos porque esa decisión non ten sentido”.

O rexedor recordou ademais a implicación dos traballadores: “Cren e loitan pola viabilidade da empresa e son os primeiros dispostos a sacrificarse, dialogar e poñer todo canto estea na súa man. De feito, o equipo está disposto a adoptar as medidas necesarias para que estes seis meses non teñan ningún custo para a empresa con medidas como ES temporais, destacou Negreira, quen explicou que os traballadores mostraron o seu compromiso de acollerse a un ERTE dende agosto a decembro asumindo ademais o compromiso de que se a 31 de decembro non se consegue unha alternativa industrial aceptarán o peche da factoría coas condicións actuais que oferta a empresa, “o que pon en evidencia a seguridade e a confianza en que se se lle concede o tempo necesario se conseguirá unha alternativa industrial”, concluíu.

Pola súa banda, tanto o director do IGAPE coma os representantes dos traballadores, volveron demandar á empresa que ofreza o mesmo trato á planta coruñesa que o que se deu ao resto de fábricas do país permitindo así manter o emprego industrial na cidade.

26 de xuño de 2013 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.