O alcalde e o presidente da Deputación avanzan a colaboración conxunta nos principais proxectos da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurenseOurenseProvincias
A-
A+

O Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense traballarán conxuntamente e na mesma liña nos principais proxectos da cidade de Ourense. Así o ratificaron esta mañá tanto o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, como o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, trala xuntanza mantida en Alcaldía durante aproximadamente media hora.

En declaracións aos medios de comunicación, os dous dirixentes salientaron os principais temas tratados na reunión: programación de eventos culturais, a situación dos principais conxuntos deportivos da cidade, o Plan Xeral de Ordenación Municipal e o desenvolvemento termal.

O presidente da Deputación, José Manuel Baltar, calificou a xuntanza como “alonxada de cuestións partidistas e centrada nos intereses de Ourense”. Na súa intervención, confirmou que o plan estratéxico provincial de termalismo “consolidará á provincia como destino termal por excelencia”, e “contemplará as actuacións previstas no plan estratéxico termal da capital”, coas actualizacións correspondentes para obter un documento marco.

Pola súa banda, o alcalde Agustín Fernández, anunciou a creación dun equipo de traballo, con dous representantes por institución, que mellore a coordinación e programación dos eventos culturais da cidade, coa posibilidade de compartir os espazos institucionais.

O alcalde salientou a importancia do traballo conxunto no que respecta ao AVE para cumprir os prazos previstos, e a vital importancia da Finca de Santa Mariña para o desenvolvemento comercial da cidade. Tamén mencionou outros temas tratados como o apoio do Concello na ampliación do CHUOU, ou a solicitude de colaboración á Deputación para a celebración dunha nova edición do Festival de Cine.

Os dous dirixentes coincidiron no traballo en conxunto nos principais proxectos estratéxicos da cidade, e en aspectos como a situación actual e proxectos de futuro dos principais equipos deportivos da cidade -Clube Ourense Baloncesto e Clube Deportivo Ourense-, con especial incidencia no traballo da canteira, así como na colaboración conxunta no desenvolvemento do PXOM da cidade.

17 de xuño de 2013 | 16:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.