O alcalde e a presidenta de ACSIL asinan o convenio de colaboración que inclúe a subvención municipal

Sinatura do convenio
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, e Rocío López, edil responsable das áreas de emprego, servizos sociais, muller e xuventude, recibiron no Concello á nova presidenta da Asociación de Comercio, Servizos e Industria da Laracha (ACSIL), Concha Iglesias, nunha xuntanza na que se asinou o convenio de colaboración que inclúe a subvención nominativa municipal á entidade para o ano en curso.
A labor de ACSIL céntrase en potenciar entre os veciños da Laracha o comercio local celebrando eventos, campañas e actividades ao longo de todo o ano. A próxima cita será durante a Feira das Cereixas de Paiosaco (7 de xullo) co desenvolvemento da segunda edición do concurso de postres de sobremesa, que deben levar como un dos ingredientes o froito vermello. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o domingo 30 de xuño.
ACSIL realizará por primeira vez o carnaval de verán (14 de xullo) e unha feira de mostras, neste caso probablemente no inicio do outono. Con motivo do Día do Pai xa organizou o concurso de debuxo para os nenos e tamén colaborou co Concello no Día do Deporte.
Ademais desta subvención municipal nominativa, o alcalde comunicoulle a Concha Iglesias a total disposición do Concello da Laracha para colaborar na organización de calquera actividade de interese xeral que organice ACSIL.
ACSIL conta actualmente con máis de corenta socios dos diferentes sectores comerciais do Concello da Laracha. Aqueles profesionais que desexen asociarse a entidade deben poñerse en contacto con algún dos membros da súa directiva.











