O alcalde de Ponte Caldelas visita as obras de conversión da antiga casa escola de Chaín en centro sociocultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+
Visita do rexedor ao centro cultural de Chaín

Visita do rexedor ao centro cultural de Chaín

O Alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, e técnicos municipais visitaron as obras de rehabilitación da antiga casa escola de Chaín para convertela en Centro Sociocutural de uso veciñal e cuxo presuposto alcanzaba o importe total de 107.000 €, aínda que foi adxudicado a Construcións Caldevergazo, S.L. por 92.358,08 €.

Perfecto Rodríguez inspeccionou a marcha dos traballos con directivos da empresa adxudicataria das obras con quen estivo a valorar diversas posibilidades de rematado da construción, toda vez que estas avanzan a bo ritmo e se dispoñen a afrontar os seus tramos finais. O prazo máximo de execución estaba cifrado en 6 meses coa intención de que o inmoble estea totalmente rematado para a celebración das Festas de Santa Teresa, que se celebran no mes de outubro en Chaín.

Esta casa escola foi unha das poucas que o Concello de Ponte Caldelas non vendeu nos anos 70 e segue sendo de titularidade municipal o que propiciou que a súa rehabilitación para Centro Sociocultural puidese beneficiarse dunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), dependente da Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, que achegou un total de 31.300 € para os traballos a realizar.

O resto do importe total das obras, ata completar os 92.358,08 €, é asumido polo Concello, dentro do seu Plan de Investimentos, nos presupostos de 2012 e 2013, contando para iso coa Caixa de Anticipos da Deputación Provincial de Pontevedra, como forma de financiar o importe das obras.

Ademais, como mellora, a empresa encargada de realizar as obras dotará o inmoble de equipamento con 50 cadeiras, 10 mesas pregables así como un televisor led de 42 ” ‘ e DVD sen custo ningún para o Concello, tal e como ofreceron no proceso de adxudicación.

UN LOCAL DE TITULARIDADE MUNICIPAL AÍNDA QUE CEDIDO PARA USO VECIÑAL

Este local, de titularidade municipal, vén sendo utilizado dende hai anos como lugar de reunión e punto de encontro para os habitantes da zona, grazas a un acordo de cesión do seu uso para actividades veciñais dentro da filosofía impulsada polo alcalde Perfecto Rodríguez de que todos os lugares e parroquias do municipio conten con instalacións que faciliten a relación e interacción dos seus veciños co fin de favorecer o desfrute do tempo libre, a acción comunitaria e o ben común.

A pesar da difícil situación económica que atravesa o noso país, o feito de que o inmoble fose de titularidade municipal permitiu que puidese acollerse a este tipo de subvencións que, doutro xeito, quedaría excluído destas e dificultaría enormemente que, nestes momentos de estreiteza presupostaria, puidese acometerse en tan pouco tempo.

Este inmoble conta cunha planta baixa, cunha superficie de 128 m2 que, tras os traballos de acondicionamento, dispoñerá dun salón de usos múltiples de 90 m2, 2 aseos e unha zona de 10 m2 para albergar unha pequena cociña e almacén.

O tellado do salón de usos múltiples terá a cuberta a dúas augas, sen falso teito, o que dará ao local veciñal unha sensación de maior amplitude e unha fisionomía acorde co medio rural no que se sitúa.

11 de xuño de 2013 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.