O alcalde de Ortigueira anuncia a instalación dunha firma aseguradora no polígono que creará 25 novos empregos
O alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, anuncia a decisión da compañía Eje Atlántico 3000, axencia do Grupo Generali Seguros, multinacional aseguradora con presenza en 60 países e cunha posición de liderado nos mercados de Europa Occidental, de asentarse nos próximos meses no polígono industrial de Cuiña- Ortigueira. As xestións, levadas a cabo directamente polo rexedor municipal, permitirán a creación na localidade de ata 25 postos de traballo. O propio concello recollerá nos próximos días os currículos das persoas interesadas en traballar como teleoperador.
As axudas municipais aprobadas nos últimos meses polo goberno local co ánimo de captar empresas que xeren empregos estables (10.000 euros por cada posto de traballo completo creado e ocupado a tempo, coa obriga de que o manteñan ao menso 5 anos) no polígono industrial comezan a dar os seus froitos. Con motivo da ampliación de negocio nun sector que, a pesar da complicada conxuntura económica, seguiu xerando emprego e dinamizando o mercado laboral, a compañía Eixe Atlántico 3000 instalará un call center na área empresarial de Ortigueira.
A apertura das instalacións levará consigo unha oferta de emprego importante na bisbarra. De feito, tal e como apunta Rafael Girón a empresa busca contratar inicialmente ata 25 teleoperadores/ás para poñer en marcha o servizo nos próximos meses.
As funcións a desempeñar por estes axentes estarán vinculadas á atención ao cliente e ao labor comercial. Non en van, a súa misión fundamental será a emisión de chamadas para informar acerca dos produtos da empresa e conseguir a venda directa de pólizas. En definitiva, captar e fidelizar clientes.
As persoas candidatos a ocupar estes postos deberán ter aptitudes para a atención ao cliente e dispoñibilidade para incorporarse. Non se require experiencia previa, se ben esta se valorase, o mesmo que a formación en materia de mediación de seguros e reasegurados. Será imprescindible, iso si, ter coñecementos informáticos básicos. Os veciños/ás interesados en participar no proceso de selección deberán entregar o curriculum nas oficinas municipais antes do venres 5 de xullo.
O alcalde destaca a aposta por Ortigueira desta firma que conta cunha posición consolidada no sector dos seguros e que dispón dunha rede de call centers en distintos puntos de España. O rexedor valora a chegada da compañía como unha excelente noticia para o municipio, ao brindar unha oportunidade única aos que perderon o traballo nos últimos tempos ou aos que se queren incorporar por primeira vez o mercado laboral, obxectivos prioritarios da súa acción de goberno.











