O alcalde de Ferrol visita a mostra de “Galicia nas edicións fácsimilares do centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades”

Xesús Vázquez e Rey Varela na visita
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou hoxe a mostra “Galicia nas edicións facsimilares do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades” na Biblioteca Municipal. O primeiro edil estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Xesús Vázquez Abad; o coordinador da exposición, Luís Alonso Girgado, o concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Manuel-Reyes García Hurtado; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. A mostra permanecerá na Biblioteca Central de Ferrol durante aproximadamente un mes máis, segundo sinalou Girgado.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade agradeceu ao titular de Cultura do Goberno de Galicia o interese e apoio para que a biblioteca da praza de España se equipare co resto das bibliotecas das outras grandes cidades galegas e forme parte da “Rede Nodal” da Xunta. “Un feito que nos permitirá prestar unha mellor atención aos usuarios desta biblioteca viva e que conta cunha importante oferta de actividades durante todo o ano coma os contacontos, os clubs de poesía e lectura, obradoiros, presentacións de libros ou exposicións” sinalou Rey Varela.
A mostra de facsímiles de revistas, xornais e libros publicados, moitos deles, no período de emigración galega está coordinada polo ferrolán Luís Alonso Girgado, profesor e investigador que no pasado mes de xaneiro recibiu por parte da Corporación Municipal a Insignia de Ouro de Ferrol. “Estamos a falar dunha persoa xenerosa que ten doado máis de 2.500 volumes de literatura hispanoamericana a esta biblioteca, agora en proceso de catalogación, e que fará que sexa referente en toda España neste ámbito”, apuntou o rexedor.











