O alcalde de Ferrol recibe ao equipo infantil masculino do club de remo A Cabana, proclamado campión de España de bateis

Recepción ao equipo de remo
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá a recepción oficial ao equipo infantil masculino do Club de Remo A Cabana con motivo da revalidación por segundo ano consecutivo do título de campións de España de bateis que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial. O primeiro edil da cidade estivo acompañado pola Corporación Municipal e no acto tamén estiveron presentes o presidente e adestrador do club ferrolán, familiares e amigos dos deportistas.
Na súa intervención, o rexedor municipal quixo agradecer aos remeiros o seu esforzo por conseguir esta reválida do título nacional “motivo de orgullo para todos os ferroláns”. Ao fío disto, o primeiro edil recordou que os deportes náuticos son moi importantes para o goberno local e que “esperamos poder seguir axudando ao club no futuro e que volva a revalidar o título”.
Pola súa parte, Fernando Arias López, o presidente do Club de Remo A Cabana e adestrador dos campións, quixo lembrar que “estes dous títulos consecutivos son froito de moitos anos de traballo e mostran a calidade dos nosos deportistas”. Por último, o alcalde ferrolán fíxolle entrega dunha cerámica coa reprodución do Castelo de San Felipe.











