O alcalde de Ferrol preside a recepción aos xogadores, equipo técnico e directivos do Racing con motivo do ascenso a 2ªB

Recepción ao Racing
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, xunto con representantes de todos os grupos municipais, recibiu esta mañá ao equipo directivo, técnicos e xogadores do Racing de Ferrol polo recente ascenso do club deportivo a 2º división B. No acto oficial que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial tamén estiveron presentes un grupo de afeccionados do equipo ferrolán que non quixeron perderse esta homenaxe ao conxunto verde..
Na súa intervención, o rexedor municipal quixo agradecer “esta alegría de volver a 2º B, motivo de orgullo para o club e para a cidade”. Ao fío disto, o primeiro edil manifestou que o próximo ano “o nome da nosa cidade percorrerá toda España” e “espero que o Racing nos de tantas noticias positivas como este ano”. Ademais, Rey Varela informou que hoxe a Xunta de Goberno Local comezou a tramitación da achega económica que a Administración municipal realizará ao equipo ferrolán para a vindeira tempada.
Pola súa parte, Isidro Silveira, presidente do club ferrolán, quixo agradecer a colaboración do Concello de Ferrol. “Nunca se negaron a axudarnos para que o equipo siga vivo e sen vós non estaríamos aquí”. Por último, o directivo manifestou que “seguiremos intentando mellorar cada día”.











