O alcalde de Ferrol preside a recepción ao Parrulo Fútbol Sala polo ascenso a segunda división

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrolLocal
A-
A+
Rey Varela saudando aos xogadores

Rey Varela saudando aos xogadores

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, xunto con representantes de todos os grupos municipais, recibiu esta mañá ao equipo directivo, técnicos e xogadores do Parrulo Fútbol Sala polo recente ascenso do club deportivo a Segunda División. O acto oficial tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial.

Na súa intervención, o rexedor municipal quixo agradecer aos xogadores o seu esforzo, aos que sinalou como “os verdadeiros protagonistas deste logro que enche a cidade de satisfacción no ámbito deportivo”. Ao fío disto, o primeiro edil manifestou que este ano de gran éxito deportivo, cos ascensos de Racing de Ferrol, O Parrulo e Valdetires, permitirá que “os nosos clubs leven o nome de Ferrol por toda España”; ao tempo que engadiu que “o esforzo económico será grande pero“buscaremos a fórmula para seguir axudando a estes clubs e ao deporte de base, que ten que ser prioritario”.

Pola súa parte, Julio Martínez, presidente do club ferrolán de fútbol sala, quixo agradecer a colaboración do Concello de Ferrol. “Sen o gran apoio da Administración Local sería imposible conseguir este obxectivo, é un honor e un pracer estar aquí”. Por último, o directivo manifestou que “o salto de categoría permitirá pasear o nome da nosa cidade por toda España”. O primeiro edil da cidade fixo entrega ao presidente do Parrulo dunha cerámica coa reprodución do Castelo de San Felipe.

4 de xuño de 2013 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.