O alcalde de Ferrol presenta o plan de oportunidades ás entidades sociais da cidade
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, presentaron esta tarde o Plan de Oportunidades posto en marcha polo Goberno Municipal para o período 2013-2015 a unha trintena de representantes de entidades sociais que desenvolven a súa actividade no municipio. O acto desenvolveuse no Salón de Plenos da Casa Consistorial.
Na súa intervención, Rey Varela expuxo que este primeiro Plan de Oportunidades do Concello de Ferrol “enmárcase na prioridade que para o actual Goberno Municipal teñen as persoas”, ao tempo que “responde a un convencemento e unha realidade, como é que Ferrol é unha cidade competitiva que ofrece unha ampla oferta de servizos, recursos e oportunidades para o desenvolvemento integral dos seus cidadáns e para un estilo de vida atractivo e de calidade”. Ademais, o rexedor municipal destacou as tres liñas básicas de actuación do plan, que pasan por frear o descenso de poboación, a través dunha ampla oferta de servizos que atraían a novos veciños/as e iniciativas anovadoras como as becas para escolas infantís ou os programas de conciliación e de xuventude, como Conduce Ferrol ou Tempo para Avanzar. En segundo lugar, a creación dunha bolsa de vivendas sociais para casos de emerxencia e que permitirá a rehabilitación de pisos en Recimil; e, en terceiro lugar, a ampliación dos servizos sociais, como a creación de dous novos Comedores Sénior en San Pablo e Esteiro. Rey Varela lembrou que o Plan de Oportunidades conta para esta fase inicial, que xa se está a desenvolver, cunha partida específica de 500.000 euros recollida no Presuposto Xeral do Concello de Ferrol para o presente exercicio.
Pola súa banda, a titular de Benestar Social explicou que este Plan de Oportunidades é un documento aberto ás achegas e suxestións das entidades sociais, posto que estas son “piar fundamental co que traballamos dende a Área de Benestar Social para atender as demandas das persoas e familias con menos recursos”. Así mesmo, Martínez Beceiro apuntou que o obxectivo último do Plan “é mellorar a calidade de vida dos ferroláns e ferrolás”. Por último, a titular de Benestar detallou algúns dos logros conseguidos a través deste Plan de Oportunidades, como a mellora dos dispositivos de asistencia social do Concello de Ferrol, con iniciativas como a modificación do Regulamento de Emerxencia Social que permite que un maior número de persoas se beneficien desas axudas temporais; a ampliación dos servizos existentes, como a implantación das becas para escolas infantís; e a creación doutras novas prestacións sociais como pode ser a próxima posta en marcha do primeiro Banco de Alimentos de Ferrol.
Consello da Veciñanza
Ademais da presentación do Plan de Oportunidades, a xuntanza serviu para que as propias entidades elixiran aos seus membros no Consello da Veciñanza. Asi, os elixidos para formar parte deste órgano de Participación son representantes de Cáritas –por parte do Consello Sectorial de Apoio Social-, Afal- do Consello Sectorial de Persoas Maiores- e Diversidade Funcional –do Consello Sectorial de Persoas con Diversidade Funcional-.











