O alcalde de Ferrol destaca os éxitos dos clubs e deportistas da cidade na presentación da XXI gala do deporte ferrolán
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e a concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, presentaron hoxe no Salón de Recepcións da Casa Consistorial a XXI Gala do Deporte Ferrolán, que se celebrará no Teatro Jofre pasadomañá, xoves 13, ás 20.30 horas. “Esta nova edición da festa do deporte ferrolá será moi especial, polos numerosos éxitos conseguidos esta temporada polos clubs e deportistas da cidade”, manifestou o rexedor municipal.
Ao respecto, Rey Varela referiuse aos ascensos do Racing de Ferrol, O Parrulo e Valdetires Fútbol Sala, “xestas deportivas que son resultado tamén da aposta polo deporte base ao que dende a Concellería de Deportes seguiremos axudando con achegas económicas”. Ao fío disto, o alcalde recoñeceu que o verdadeiro mérito dos éxitos “está no esforzo, sacrificio, espírito de superación e entrega dos deportistas, así como da dedicación dos adestradores e dos clubs”. “En Ferrol podemos presumir de que se practican moitas especialidades deportivas, e cada unha delas terá o seu recoñecemento na Gala do Deporte”, engadiu Rey Varela.
Pola súa banda, a edil Martínez Galdós, encargouse de dar conta das novidades que presenta esta nova Gala do Deporte Ferrolán en comparación con edicións anteriores. As dúas principais son: a distinción Trofeo Javier Gómez, que este primeiro ano será para o que é o único medallista olímpico na historia da cidade. En vindeiras galas, este recoñecemento outorgarase a todos aqueles deportistas que resultaran galardoados coa Carabela de Prata do Concello de Ferrol durante catro anos consecutivos ou máis de catro nos seis derradeiros anos. A segunda das novidades é que o gañador da Carabela de Prata ao mellor deportista do ano 2012 se coñecerá en directo; e sairá elixido entre os seguintes tres deportistas: Iria Grandal García, Guillermo Rodríguez González e Álex López Sánchez. Os tres aspirantes e o propio gañador/a foron votados por un xurado formado por periodistas especializados en Deportes de medios de comunicación locais.











