O alcalde de Ferrol destaca o papel de entidades e concellos para ofrecer servizos de prevención e asistencia contra a droga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+
Comitiva de Panos Brancos

Comitiva de Panos Brancos

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e numerosos membros do Goberno Municipal da cidade, percorreron este mediodía as rúas do barrio da Magdalena sumándose á marcha “Panos Brancos contra a droga”, organizada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Concello ferrolán. Xunto cos representantes da corporación local, membros de entidades que traballan diariamente no ámbito da información, prevención, tratamento e inserción social de persoas con drogodependencias -Lazos, Érguete Ferrol, Asfedro, Proxecto Home e Exalcohólicos- tamén se sumaron a esta marcha que partiu ao mediodía diante da Casa Consistorial e rematou na praza de Amboage. Outros colectivos, que ademais dos anteriormente citados, integraron e apoiaron como abandeirados a comitiva que transitou pola rúa Real até Amboage foron a AVV de Caranza, as escolas de danza Esquío e Matilde Pedreira, o Club de Remo A Cabana, O Parrulo Fútbol Sala e o Club Valdetires Ferrol. O traxecto até Amboage estivo amenizado polo son da Banda Ferrolá de Música. Entre outros representantes de institucións e organismos que se sumaron a esta campaña estivo o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Jose Manuel Vilariño Anca.

Unha vez en Amboage, e tras unha exhibición de danza de jazz a cargo das alumnas do Club Esquío e da Escola de Danza Matilde Pedreira, o primeiro edil da cidade e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Couceiro Cachaldora, leron un manifesto conxunto conmemorativo desta oitava edición da campaña de sensibilización social “Panos Brancos contra a Droga”, cuxos actos centrais tiveron lugar hoxe en Ferrol. Estas actividades serviron ademais serviron para conmemorar o Día Internacional contra o Uso Indebido e o Tráfico Ilícito de Drogas instaurado pola Organización de Nacións Unidas (ONU), que este ano quere subliñar a importancia decisiva da participación das familias, escolas e comunidade na prevención do consumo de drogas.

Na súa intervención, Rey Varela, chamou “á unión de todos para librar con éxito a batalla contra a droga nas súas tres frontes principais: combater o tráfico, previr o consumo e, por suposto, axudar aos que sofren o drama da adicción ás drogas”. Ao respecto, o rexedor ferrolán recoñeceu e agradeceu “o esforzo colosal que nestes tempos de crise están a facer moitos concellos de Galicia e entidades de drogodependencias para seguir ofrecendo aos cidadáns servizos de prevención e asistencia”.

O acto rematou cunha solta de globos a cargo dos máis pequenos/as que se deron cita en Amboage e coa interpretación de varias pezas de música por parte da Banda Ferrolá de Música.

29 de xuño de 2013 | 13:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.