O alcalde de Ferrol destaca a impronta de Jorge Juan nos dous elementos máis representativos e significativos de Ferrol: o Arsenal e a Magdalena

Rey Varela durante á homenaxe
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e o Almirante Xefe do Arsenal Militar, Manuel Garat Caramé, presidiron hoxe a ofrenda floral no monumento a Jorge Juan y Santacilia, situado nos Xardíns de Herrera. Con este acto, o Concello de Ferrol e a Armada Española inician a programación de actos de homenaxe a este ilustre mariño coincidindo co terceiro centenario do seu nacemento (1713-2013).
No seu discurso, Rey Varela destacou o papel de Jorge Juan na transformación da cidade, sinalando que “aquí atópase nuns anos cruciais para o deseño do que hoxe en día é Ferrol, nos inicios da segunda metade do século XVIII, participando no planeamento e construción do Arsenal e levando a cabo os primeiros planos do que sería no futuro o barrio da Magdalena”. “Jorge Juan está, pois, na orixe dos dous elementos máis representativos e significativos de Ferrol: o Arsenal e o barrio da Magdalena”, apuntou o rexedor municipal. Ademais, Rey Varela referiuse á contribución fundamental que tivo este mariño e investigador alacantino no ámbito do naval. Así, o alcalde fixo fincapé nos estudios e traballos de Jorge Juan para mellorar a construción naval e impulsar os estaleiros situados ás costas do Arsenal, os cales “e grazas ao esforzo de miles de obreiros da Maestranza, tomarían forma no século XVIII nas máquinas máis avanzadas da época: os navíos de liña dos que se fornecería a Armada dende a ría”.
Por último, o alcalde manifestou que “Jorge Juan é o compendio do que foi, do que es e do que seguirá sendo Ferrol: unha urbe envorcada na promoción e protección do seu patrimonio histórico, artístico e industrial; unha poboación comprometida co papel que a nova política de Defensa nos ten concedido, e, moi especialmente, unha sociedade que non desistirá na súa loita para que Ferrol siga contando con carga de traballo para un dos mellores estaleiros de España e do mundo, pola súa profesionalidade e tecnoloxía”, dixo. Nesta liña, Rey Varela aludiu “ao compromiso e esforzo de todos” para “ser dignos herdeiros do que Jorge Juan y Santacilia sementou na nosa cidade”.
Concerto
O próximo acto do calendario de eventos do Concello de Ferrol e da Armada con motivo do trescentos aniversario do nacemento de Jorge Juan terá lugar o vindeiro día 28 do presente mes de xuño. Este consistirá nun concerto a cargo das bandas de música do Tercio Norte de Infantería de Mariña e a Banda Ferrolá de Música. Nun principio, e se as condicións climáticas o permiten, o concerto desenvolverase nos xardíns de Herrera e será aberto ao público.











