O alcalde de Ferrol clausura os cursos de informática da Concellería de Igualdade
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta tarde no Teatro Jofre a entrega de diplomas ás mulleres que completaron os Cursos de Alfabetización Informática nos seus niveis de iniciación e perfeccionamento organizados pola Concellería de Igualdade dentro da súa programación de actividades. O patio de butacas do teatro ferrolán encheuse coas aproximadamente 200 mulleres que asistiron a recoller os seu diplomas da man do primeiro edil da cidade e das cinco concelleiras que forman parte do Goberno Municipal: Verónica Casal, de Igualdade; Rosa Martínez, de Benestar Social, Martina Aneiros, de Participación e Emprego; Susana Martínez, de Deportes e María del Carmen García, de Turismo.
Rey Varela destacou a elevada participación nas actividades da Concellería de Igualdade, que, lembrou, están organizadas atendendo ás propias preferencias das mulleres de Ferrol. Así, a programación de Igualdade pasou de 160 usuarias en 2010 a un total de 1.528 na actualidade; e no que atinxe aos cursos de informática, o número de persoas inscritas pasou de 170 fai dous anos ás 274 mulleres que fixeron estas accións formativas na presente temporada. “Multiplicamos por dez o número de mulleres que se implican na programación de Igualdade do Concello de Ferrol sen multiplicar por dez o presuposto senón preguntando ás propias destinatarias das actividades cales son as súas preferencias e necesidades formativas ou de ocio”, destacou o primeiro edil da cidade. Así mesmo, o rexedor indicou que outro dos acertos da nova etapa iniciada na Concellería de Igualdade co inicio do presente mandato é a descentralización dos cursos e actividades, co obxectivo de que estes cheguen a tódolos barrios e parroquias da cidade, así como a presentación dunha oferta apta para un amplo abano de idades”.
Por último, o alcalde garantiu a continuidade desta liña de traballo do departamento que dirixe Verónica Casal porque “sodes vosoutras, as usuarias das instalacións municipais e as participantes nestes cursos, as que tendes que dicir qué programas e actividades queredes que organicemos dende o Concello”. “A vindeira temporada volveremos a poñer en marcha outro programa de calidade en Igualdade participado por todas vós, e anímovos a seguir tendo este interese por adquirir coñecementos”, concluíu Rey Varela.
Continuidade dos cursos
Nesta mesma liña pronunciouse a edil Verónica Casal ao indicar que a Concellería de Igualdade seguirá apostando por contar coa opinión das usuarias para confeccionar a oferta de actividades e cursos da próxima temporada. “A programación do Concello sempre será feita en función das vosas demandas”, dixo. Así mesmo, a responsable municipal manifestou que continuará afondando nas dúas liñas de traballo que están a marcar o presente mandato: o fomento do asociacionismo e a eliminación dos estereotipos sexistas.











