O alcalde de Ferrol asina un convenio coa Cruz Vermella para o desenvolvemento do servizo de teleasistencia domiciliaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Cruz Vermella para o desenvolvemento do servizo de teleasistencia domiciliaria. No acto de sinatura estiveron presentes o presidente da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella en Ferrol, Francisco Vázquez Fontela, a técnica do servizo de teleasistencia domiciliaria na Asemblea local, Mónica Villares Pazos, e a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro.

Esta prestación do servizo de teleasistencia domiciliaria, a través dunha liña telefónica e cun equipamento de comunicacións específico, posibilita a atención a persoas maiores e persoas con discapacidades dando una resposta rápida ante situacións de emerxencia as 24 horas e os 365 días do ano. Deste modo, favorecese a permanencia do usuario no seu entorno cotián e proporcionase tranquilidade aos seus familiares. A contía mensual deste servizo de teleasistencia domiciliaria é de 22 euros, dos que 17 euros son financiados polo Concello de Ferrol e os restantes son abonados pola persoa usuaria. A achega municipais para este servizo é de 26.100 euros, pero con posibilidade de aumento deste convenio de colaboración por parte da Administración Local se fose necesario.

Na súa intervención, o primeiro edil da cidade quixo agradecer á entidade o traballo que veñen realizando dende hai anos no termo municipal. “O servizo de teleasistencia é fundamental para que os nosos maiores poidan estar conectados de maneira ininterrompida ante calquera emerxencia as 24 horas do día e os 365 días do ano”, sinalou o rexedor municipal. Así, explicou que non existe ningún tipo de lista de espera para poder acceder a este servizo e que a Administración Local está disposta a ofrecer un aumento no número de equipos existentes, os cales poden ser solicitados  nas dependencias de Benestar Social do Concello de Ferrol ou na Cruz Vermella.

Pola súa banda, o presidente da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella en Ferrol, Francisco Vázquez Fontela, quixo agradecer a firma do convenio que dende hai anos segue funcionando con éxito; así como “as obras tan importantes que se están executando coa mellora da sede da Cruz Vermella”. Pola súa banda, a técnica do servizo de teleasistencia domiciliaria na Asemblea Local, Mónica Villares, ofreceu datos sobre a prestación social nos primeiros cinco meses do ano 2013. Así, foron un total de 3.137 as intervención a través de teleasistencia, cunha media de 21 contactos diarios, e ademais 10 voluntarios realizaron visitas de seguimento para verificar o correcto funcionamento do servizo.

Obras de mellora no edificio municipal

O alcalde de Ferrol manifestou que as obras de mellora da sede comarcal da entidade social xa se están a executar e que o investimento para esta intervención é de 50.000 euros. “Estase a cumprir un compromiso asumido antes de ser alcalde que foi presentado nunha moción durante o anterior cuadrienio para unha intervención de mellora destas instalacións municipais” engadiu. Esta actuación ten dous obxectivos: a mellora da política social ao mellorar a habitabilidade do inmoble e a recuperación dun edificio de importante valor histórico na zona da Magdalena, segundo apuntou Rey Varela.

18 de xuño de 2013 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.