O alcalde de Ferrol anuncia a rehabilitación da Fonte da Orde terceira na Graña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou  hoxe A Graña e A Cabana onde mantivo unha xuntanza de traballo cos responsables veciñais de ambas zonas. Rey Varela estivo acompañado dos concelleiros de Zona Rural, de Servizos e Medio Ambiente da edil de barrio: José Polo, Borja Carro e María del Carmen García, respectivamente; así como dos supervisores dos servizos municipais. O obxectivo destas dúas reunións foi repasar as actuacións de mellora e mantemento executadas neste últimos días na Graña e A Cabana dentro da primeira fase do Plan de Barrios e, ao mesmo tempo, recoller as suxestións e novas demandas veciñais de cara a vindeira fase do plan que se desenvolverá tras o verán.

Pero ademais de dar conta das intervencións do servizos municipais –mantemento de viarios, limpeza, pintado e sinalización, roces de camiños, iluminación, abastecemento de auga, conservación de zonas verdes e parques infantís-, o primeiro edil da cidade informou sobre a próxima recuperación da antiga fonte da Orde Terceira e do seu entorno na Graña, unha demanda veciñal, e da proposta de saneamento para a zona de Valón, A Graña e A Cabana.  “Nos vindeiros días licitaremos o proxecto de rehabilitación da fonte da Orde Teceira da Graña, que inclúe a posta en valor do seu entorno”, dixo Rey Varela sobre esta actuación na que o Goberno Municipal ten previsto investir 23.900 euros.

No que atinxe ao saneamento da zona rural, os técnicos da Empresa Mixta de Augas de Ferrol (Emafesa), explicaron aos representantes veciñais da Cabana en que consiste a proposta de actuación para este ámbito, e que afecta tamén a Valón e A Graña. Rey Varela indicou que “o saneamento é o proxecto máis importante que temos para o rural, e é a principal demanda dos veciños”. “Estamos a presentar esta proposta realista porque queremos recoller as suxestións e despexar as dúbidas dos veciños co obxectivo de aprobar o proxecto definitivo, licitar as obras e adxudicalas antes de que remate o presente mandato”, expuxo o alcalde.

Plan de Barrios

En relación aos traballos do Plan de Barrios, Rey Varela indicou que a presenza dos servizos municipais en A Graña e A Cabana continuará como mínimo dúas xornadas máis para completar reparacións de viarios, actuacións de pintado e sinalización e de roces e limpeza de camiños que non se fixeron esta semana por mor das condicións climáticas adversas. “Dende que puxemos en marcha o Plan de Barrio nótase un incremento da presenza nas rúas dos servizos municipais, e nesta liña seguiremos afondando na segunda fase que desenvolveremos despois dos meses de verán”, dixo o rexedor. Nesta liña, engadiu que “o obxectivo deste programa é ir paliando día a día as deficiencias que teñen os distintos barrios da cidade para o que é fundamental este contacto directo cos veciños e a presenza dos mesmos dos supervisores dos servizos municipais”.

O alcalde detallou algunhas das actuacións realizadas en A Graña e A Cabana esta semana:

– Reparación da rúa Reverbero, en A Graña.

– Intensificación dos traballos de limpeza viaria, sumidoiros e colectores.

– Colocación de novas sinais viarias e pintado.

– Roce de máis de 4.000 metros lineais de camiños.

– Reparación de postes de luz en mal estado

– Reparación de fugas en tuberías de abastecemento de auga.

– Mantemento de ao redor de 15.400 metros cadrados de zonas verdes e axardinadas.

– Revisión e conservación de parques infantís.

20 de xuño de 2013 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.