publicidade hoxe

O alcalde de As Pontes inaugura as XXII Xornadas sobre Alcolismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal
A-
A+

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, presidía hoxe a inauguración das XXII Xornadas sobre Alcolismo, organizadas pola Asociación de Alcólicos Adiante, de As Pontes, na Casa Dopeso.

Na súa intervención, o primeiro edil ofrecía unha vez máis o respaldo do executivo que dirixe a unha entidade integrada por veciños e veciñas que traballan de corazón, altruistamente para axudar a aqueles enfermos e enfermas de alcoholismo sempre que o precisen.

Neste senso, González Formoso apuntaba que Adiante sempre atopará o respaldo do Concello a nivel económico e que, malia os recortes actuais, se continuará a traballar dende a administración municipal para botar unha man a este colectivo aínda que iso implique retrasar a construcción dunha beirarrúa ou a remodelación dunha rúa, xa que, segundo subliñaba o alcalde de As Pontes, éstes son esforzos que a cidadanía entende e respalda.

De feito, González Formoso gababa o gran traballo realizado polos integrantes deste colectivo e apuntaba a necesidade de continuar a potenciar unhas xornadas que, unha vez máis, lograban contar cunha gran asistencia (120 participantes) procedente de puntos tan dispares coma León, Palencia, Zaragoza, Pinto, Albacete ou Valladolid, e por suposto, diferentes concellos de Galicia.

Pola súa parte, o presidente de Adiante, Jesús Fernández, agradecía unha vez máis o gran apoio do Concello de As Pontes que, en 2012, destinaba 40.000 euros ás actividades deste colectivo, calificando ao rexedor pontés coma un home xeneroso que sempre estivo ahí ante as necesidades deste colectivo.

A rolda de intervencións pechouna o presidente da Federación de Alcólicos Rehabilitados de Galicia (F.A.R.G.A), José Rufo, que deu conta do incremento do número de enfermos por alcolismo dende o inicio da crise. Persoas que comezan a beber coma válvula de escape aos seus problemas e que deben pedir axuda para saír desta enfermidade, de ahí a importancia dos colectivos de rehabilitación.

Asemade, José Rufo tamén quixo advertir dos novos modelos de intoxicación etílica que, hoxe en día, se están a propagar como é o tampovodka e que se está a converter nunha perigosa moda entre os máis novos.

Posteriormente, daban comezo as xornadas coa charla do xornalista Xosé Cendán que disertou sobre a visión da sociedade sobre estas xornadas para dar paso, posteriomente, á psicóloga de Adiante, Belén Pardo, que abordou a problemática do alcolismo e a sintomatoloxía desta adicción.

Mañá retomaranse estas xornadas coas experiencias dos enfermos e familiares (11.00 horas); a conferencia do psicólogo Jesús Pol Rodríguez sobre o alcol entre os adolescentes e no actual contexto económico que estamos a vivir e finalmente, procederase á clausura destes encontros, ás 13.30 horas.

Estas xornadas contan co patrocinio do Concello de As Pontes, a Xunta de Galicia, as federacións de alcólicos rehabilitados de España e Galicia e Endesa.

1 de xuño de 2013 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.