O alcalde da Laracha recibe a 12º bandeira azul para a praia de Caión

Entrega da bandeira azul
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, recolleu hoxe a bandeira azul que ondeará na praia de Caión por duodécima vez. O distintivo que outorga a Fundación Europea de Educación Ambiental é un premio á calidade dos areais e das augas, así como as boas prácticas medioambientais e a prestación dunha serie de servizos aos usuarios.
O rexedor municipal da Laracha asistiu a este evento tamén en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en calidade de membro da súa executiva.
O acto, que estivo presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, celebrouse na praia de Valcovo, contando co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, como anfitrión do mesmo. Tamén interveu o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e o presidente de ADEAC, José Sánchez Moro.
A bandeira azul non deixa de ser un recoñecemento á labor desenvolvida nos últimos anos polo goberno local co propósito de poñer en valor a praia de Caión e o seu entorno, mellorar a súa calidade ofrecendo novos servizos e facela atractiva para os turistas e visitantes.
Esta enseña, que se izará nas inmediación do areal nos próximos días, será durante o verán o distintivo internacional que merece a praia de Caión e que indicará a simple vista e cunha universal linguaxe aos miles de usuarios da praia a calidade e os servizos que lles ofrece para garantir o seu benestar e a súa seguridade.











