O Alcalde da Coruña asina o acordo para ser porto final da Tall Ships Races en 2016

Sinatura do convenio
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou, esta mañá, o acordo que permitirá que A Coruña volva ser porto anfitrión e, en concreto, porto final, da Tall Ships Races en 2016: “É a primeira vez na historia da regata que unha cidade española é porto final. É todo un recoñecemento por parte da organización que quero agradecer en nome de todos os coruñeses”, asegurou o rexedor ao que acompañaron o director da regata, Chister Samuelsson, así como o presidente e o secretario da Asociación Juan de Lángara, José Etcheverría e Iñaki Hornes, respectivamente.
Negreira anunciou que, finalmente, a regata chegará á cidade entre o 11 e o 14 de agosto, o que supón que A Coruña será o porto no que finalice a Tall Ships Races 2016: “Isto quere dicir que A Coruña será o lugar de fin de festa e onde se entreguen os trofeos, entre eles o máis cobizado, o da amizade, elixido por toda a frota,” informou e engadiu: “Agradezo á organización este recoñecemento que fai á traxectoria do porto coruñés. É un éxito para a cidade e para toda Galicia”.
O alcalde explicou que este acordo supón un gran paso á hora de posicionar a cidade como referente do noroeste español en canto a oferta de ocio e de grandes eventos deportivos: “Reforza a nosa imaxe exterior e será un revulsivo para a actividade económica da cidade”. Carlos Negreira recordou que na pasada edición da Tall Ships Race se superaron todas as previsións ao recibir, en catro días, 1 millón de visitantes e un retorno económico de 15 millóns de euros, cifras que situaron á cidade como capital mundial da vela e a náutica.
Pola súa banda, Chister Samuelsson expresou a súa satisfacción por regresar á Coruña e explicou que a decisión de que o porto sexa o final da regata de 2016 responde a que nunca sucedera ata agora e supón unha homenaxe á traxectoria da cidade. Avanzou que o evento partirá de Amberes e pasará por Lisboa, aínda que aínda non se desvelou cal será o terceiro porto que visitará antes de finalizar na Coruña.











