O alcalde da Coruña asina coa Autoridade Portuaria un convenio para mellorar a coordinación en materia de seguridade

Negreira co presidente da Autoridade Portuaria
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, asinou esta mañá un convenio co presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, que permite mellorar a coordinación en materia de emerxencias e seguridade cidadá, pois cada administración pon a disposición da outra todos os medios humanos e materiais que ten ao seu alcance.
O alcalde destacou que este novo acordo é froito do “traballo en común” e do “clima de diálogo” dentro da “colaboración mutua” que imperou dende o inicio do mandato entre o Concello e a Autoridade Portuaria. Neste sentido, o alcalde agradeceu ao Porto que comparta co Goberno municipal o seu compromiso de mellorar a calidade de vida dos cidadáns: “Todo o que é de interese para o Porto é de interese para a cidade e cónstame que o Porto tamén está interesado en todo o que teña que ver coa cidade”.
O Goberno local pon a disposición do Porto os seus equipos de bombeiros, seguridade e Protección Civil para colaborar en calquera incidencia que poida xurdir nas instalacións portuarias, tanto na dársena interior coma na de Punta Langosteira. Pola súa banda, o Concello poderá dispoñer en tempo real de toda a información que manexa a Autoridade Portuaria sobre datos oceanográficos e meteorolóxicos.
Esta información será de grande utilidade para Policía Local, Protección Civil e Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, pois permite traballar dun xeito máis planificado e con medidas preventivas. Todos estes datos estarán ademais a disposición dos cidadáns na páxina web http://cma.puertocoruna.com e, ademais, existe unha aplicación para dispositivos móbiles, onde poderán consultar datos específicos dos areais coruñeses.
Esta colaboración institucional entre o Concello e a Autoridade Portuaria complétase no convenio asinado hoxe por Carlos Negreira e Enrique Losada co compromiso de ambas as dúas administracións de traballar na formación e dotación de medios humanos e materiais, o que supón reforzar as capacidades das dúas entidades públicas en materia de seguridade.











