O Alcalde anuncia un novo proxecto empresarial de San Luis e a creación de 100 postos de traballo
O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado da Tenente de Alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, e do antigo dono de San Luis, Lorenzo López, anunciou, tras manter varias reunións previas durante máis dun mes, “unha solución positiva á situación de Darty cun novo proxecto empresarial”.
A iniciativa recupera a marca San Luis e creará 100 postos de traballo. Neste sentido, o Alcalde agradeceu a Luis Lorenzo e ao seu equipo que optasen “por recuperar a marca e o proxecto San Luis dende A Coruña, con vocación de manterse en Galicia e España,”. Carlos Negreira recordou que San Luis naceu nos anos 70, cunha primeira tenda de electrodomésticos situada na rúa Dos mallos. “Foi pioneira na venda con tarxeta propia e chegou a ser tenda de referencia na compra de electrodomésticos para o fogar”, destacou o rexedor. “Esta é unha apertura -continuou- cunha nova ilusión”. O Alcalde destacou que un dos segredos do éxito da empresa foi o mimo co que Lorenzo López trataba os seus empregados: “Se algo valora Lorenzo é o capital humano”.
O capital social ascenderá aos 9 millóns de euros e prevese unha facturación de entre os 10 e os 15 millóns. A partir do 15 de agosto, producirase a apertura das 10 tendas situadas en Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Ourense, Vigo e Pontevedra) e no municipio leonés de Ponferrada. As da Coruña estarán situadas en Los Rosales e Praza de Pontevedra, ademais, nestes momentos, séguese negociando outra situación nun centro comercial.
San Luis tratará de recuperar os valores que a converteu en referente: a formación do persoal para así garantir un bo asesoramento do cliente; fará unha boa selección do produto; contará con tendas máis reducidas en tamaño e deseñará unha páxina web que achegue a tenda o comprador.
“Apúntome a este reto polos meus compañeiros e porque hai que transmitir unha mensaxe de esperanza”, destacou Lorenzo López. “Darty -continuou- sempre creu no persoal de San Luis, por ser o principal valor da empresa,”. Neste sentido, informou de que o proxecto se consensuará coa multinacional francesa de electrodomésticos e avanzou que esta intermediou para que os seus distribuidores proporcionen o produto a San Luis.
Fábrica de Armas
O Alcalde ratificou unha vez máis o compromiso deste Goberno local con toda o equipo da Fábrica de Armas. “Hai unha posición clara deste Goberno municipal fronte ao que pasou noutros mandatos. En 2009, o PGOM cualificaba a zona de residencial. Agora, cambiouse esa cualificación para uso industrial”, sinalou Carlos Negreira. Hai unha liña clara -sinalou- entre os que estaban antes e os que estamos agora. En lugar de estar instalado na crítica permanente, deberían sumarse á liña da colaboración”.
O Alcalde avogou por seguir traballando da man da Xunta de Galicia e dos traballadores para “facer unha oportunidade de emprego en todo o recinto da Fábrica de Armas. Imos seguir apostando, sexa con General Dynamics ou sen ela, para que se converta nun espazo de emprendimiento, emprego e innovación”.











