O 70% das razas gandeiras catalogadas en España están en perigo de extinción
O 70% das razas gandeiras catalogas en España están en perigo de extinción. Así o deu a coñecer José Ramón Justo Feijóo, director de Boaga e secretario xeral da Federación de Razas Autóctonas Españolas (Federapes), no marco da conferencia “Evolución das razas autóctonas galegas e do Estado Español”, a cal tivo lugar esta mañá no marco da 36ª Semana Verde de Galicia.
Esta porcentaxe correspóndese con 128 das 184 razas gandeiras rexistradas no catálogo nacional, as cales se engloban en Autóctonas de Fomento, Autóctonas en Perigo de Extinción, Integradas en España, Da UE, Sintéticas de España e Outros Équidos Rexistrados. Destas razas nacionais en perigo de extinción un 7,8% son galegas, sendo un total de 10 (as bovinas Cachena, Caldelá, Limiá, Frieiresa e Vianesa, o Porco Celta, a Galiña de Mos, a Ovella e a Cabra Galegas, e o Cabalo de Pura Raza Galega).
Justo Feijóo tamén destacou que as razas autóctonas bovinas de Galicia en perigo de extinción son as primeiras de España en animais xenotipados, co 100% dos seus exemplares rexistrados con ADN nos libros xenealóxicos.
Esta conferencia foi a primeira de cinco que se están a celebra ao longo de todo o día de hoxe centradas nas razas en perigo de extinción. Estas están a versar, entre outros aspectos, sobre os efectos e beneficios do aproveitamento do Porco Celta no monte veciña galego, o funcionamento das puxas da Central Agropecuaria de Galicia e as principais características produtivas e a calidade da canal e a carne das razas bovinas e da Ovella Galega.
Xa mañá levaranse a cabo outras cinco xornadas nas que se desgranarán diversos aspectos da economía nas explotacións destas razas e tamén da Galiña de Mos, como as características dos seus galos fronte aos industriales ou as novidades no seu programa de conservación.
As xornadas foron inauguradas por Tomás Fernández-Couto Juanas, secretario xeral de Medio Rural e Montes, quen destacou as razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción como “estratéxicas” no momento actual, xa que supoñen falar de “emprego, economía e riqueza no rural”. Na súa intervención auguroulles “un futuro prometedor”.











