Nove menores saharauís de Tinduf pasarán este verán con familias de acollida de Ferrol
Un grupo de nove nenos/as saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados do deserto alxerino de Tinduf pasarán o vindeiro verán con outras tantas familias de acollida de Ferrol. Os menores chegarán á cidade naval a principios do vindeiro mes de xullo e estarán no municipio até finais de agosto. Así o indicou hoxe a concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, quen explicou que a presenza destes nenos/as saharauís na cidade é posible grazas ao convenio de colaboración que dende hai anos a Administración municipal mantén coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para o desenvolvemento do programa “Vacacións en Paz”.
A titular de Benestar destacou a “solidariedade que un ano máis demostran as familias ferroláns que, pese a estes momentos de crise, continúan participando nesta iniciativa”. Neste sentido, engadiu que “é precisamente esta solidariedade o que fai posible que o número de menores que nos visitan en verán se manteña con respecto a anos anteriores”. O Concello de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social, achega 10.500 ao programa “Vacacións en Paz”, que ten como obxectivos: garantir o dereito á saúde dos menores, realizando a tal fin os controis médicos pertinentes; garantilas necesidades fundamentais dos menores; respectalas súas crenzas e favorecela súa integración. “Con esta iniciativa estamos a facilitarlles asistencia médica, axudámoslles a que perfeccionen a aprendizaxe da lingua castelá, ofertámoslles unha alternativa de ocio e tempo libre e evitamos a súa estancia nos campamentos durante os meses de xullo e agosto con temperaturas que poden alcanzar os 50 graos centígrados”, explicou Martínez Beceiro.
Noutra orde de cousas, a responsable das políticas sociais do Concello de Ferrol informou dunha proposta feita polos socialistas esta mañá na comisión informativa da súa área e na que demandan a adopción de un plan de conciliación familiar, persoal e familiar. Ao respecto, Martínez Beceiro explicou que o Goberno Municipal xa ten en marcha, dende principios do presente mandato, unha serie de programas e iniciativas encamiñadas a facilitar a conciliación; e que se recollen actualmente no Plan de Oportunidades. Entre outras liñas de actuación postas en marcha polo actual Goberno Municipal, a concelleira de Benestar referiuse ás becas para escolas infantís e as de comedor escolar, ao programa “Tempos para avanzar”, aos campamentos urbanos de verán, ás actividades extraescolares e aos obradoiros e servizos que se coordinan dende a Casa da Muller. Así mesmo, Martínez Beceiro avanzou que o Concello ten solicitado á Xunta de Galicia unha nova subvención no ámbito da conciliación para seguir afondando nesta materia, que “para este Goberno Municipal si que é verdadeiramente transversal como demostra o feito de que se aborda dende diferentes departamentos, como son os de Benestar, Igualdade e Educación”.











