Nove clubs, entre os que están o Barcelona ou o Deportivo, compiten no IX torneo Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesLocal
A-
A+
Presentación do IX torneo Fútbol 8 Alevín de Carballo

Presentación do IX torneo Fútbol 8 Alevín de Carballo

As categorías inferiores de nove clubs de renome de España danse cita un ano máis nas Eiroas no Torneo Fútbol 8 Alevín Concello de Carballo, que este San Xoán cumpre nove edicións e cinco como Memorial José Luis Vara Olveira. No cartel deste ano hai que subliñar a presenza do FC Barcelona -vixente campión, e xa un habitual do torneo-, o RC Deportivo, o RC Celta -campión da quinta edición-, o Real Valladolid, o Sporting de Xixón, as Escolas de Fútbol Luís Calvo Sanz, Las Rozas FC, o CD Berceo e o Pabellón CF, que participa por segunda vez, nesta edición como campión da fase previa. O director das Escolas Luís Calvo, José Ramón Torres Pichel, quixo sinalar as novidades deste ano, como son a modalidade de fútbol 8 ou a presenza de nove equipos, en lugar de oito. Así mesmo, as Escolas recoñecerán o mérito deportivo de Ángel Esmorís Tasende, que está xogando no equipo xuvenil do Manchester City, rendéndolle unha homenaxe. O torneo celébrase os días 21, 22 e 23 xuño e entre as curiosidades deportivas hai que destacar que o Barcelona competirá en Carballo co primeiro equipo, que xa ten resultado gañador do torneo de Arousa e Brunete. Ademais, presentarase no torneo con dous xogadores, fillos de ex futbolistas ilustres do panorama nacional, como son os fillos de Guillermo Amor (ex do Barça) e de Fran González (ex do Dépor). Respecto do IV Campus de Fútbol Base Concello de Carballo, terá lugar nunha única quenda do 1 ao 6 de xullo nos campos de herba sintética das Eiroas. Está dirixido a futbolistas de entre 5 e 16 anos e será impartido por prestixiosos adestradores. Ate o momento está confirmada a presenza de Armando de la Morena, dos Xuvenís do Atlético de Madrid; Eric Tenllado, dos Alevíns do RCD Español; David Aznar, integrante do corpo técnido da Federación Española de Fútbol en categorías benxamín e alevin; César, adestrador de porteiros do RC Deportivo; Fran Alcoy, adestrador do Villareal C; e Andoni Bombín, coordinador de fútbol base do Athletic Club de Bilbao: A organización está pendente nestes momentos de recibir a confirmación da asistencia de Alberto Garrido ou Roberto Tomás, adestradores das categorías inferiores do Real Madrid. A novidade coa que conta o Campus este ano, ademais da redución da súa duración, é que, como peche, o domingo 7 de xullo disputarase uns torneos de 3×3 de fútbol alevín, un formato moi divertido, segundo subliña Torre Pichel, para rematar a semana. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo felicitar ás escolas polo cartel, ademais de “polo reto asumido este ano que ten multiplicado por catro ou por cinco o seu traballo ao colleren o Bergantiños”. Así mesmo, subliñou o se traballo no fútbol de base, “un traballo que estou seguro de que en catro ou cinco anos poderá verse no Bergantiños e será incluso un referente a nivel galego”.

O presidente das Escolas Luís Calvo, Luciano Calvo, quixo expresar o seu agradecemento ao Concello pola súa colaboración, pero tamén e “sobre todo”, a todas as empresas colaboradoras, “unha parte fundamental para que todas as tensións económicas non nos poñan nerviosos”. Tamén subliñou o nivel do programa, “con históricos do fútbol español”. Por último, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, compartiu a idea de Trigo de que o labor das Escolas “cristalizará” no Bergantiños dentro duns anos, xa que “hai quen pensaba que os equipos se facían a base de fichaxes, pero demostrouse que non é así”. Gabou os resultados “que xa están vendo”, como por exemplo na figura de Ángel Esmorís e desexou que “podamos ver como xogadores das Escolas Luís Calvo teñen unha grande perspectiva de éxito no mundo do fútbol”. Os interesados e interesadas poden descargar o cadro de enfrontamentos en pdf nesta mesma nova.

15 de xuño de 2013 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.