Noite de recoñecementos na Cea Fin de Tempada da AFAC

Cea da AFAC
A Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (A.F.A.C.) celebrou onte a Cea Final de Tempada 2012-2013 no Restaurante Miradoiro de San Pedro. O evento congregou os principais dirixentes dos clubs de fútbol coruñeses que conforman a asociación ademais dunha ampla representación da corporación municipal, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia e Federación Galega de Fútbol.
O acto deu comezo coa entrega de senllas placas de recoñecemento aos xornais deportivos DXT Campión e DEPOR Sport polo seu traballo de difusión e visibilidade de “o noso fútbol”. O presidente da Federación Galega de Fútbol José García Liñares fixo entrega da distinción ao director do DXT Campión Andrés Ríos; mentres que o presidente da AFAC Manuel Vázquez Martínez fixo o propio co xornalista do DEPOR Sport Rafael García Solano.
A continuación fíxose entrega das distincións aos propostos por parte dos clubs conforme ao “Regulamento de Premios e Recompensas” da A.F.A.C.
O primeiro recoñecemento coa entrega da insignia de ouro ao mérito futbolístico foi para Manuel Vázquez Martínez, presidente da AFAC, polos seus anos de dedicación ao fútbol afeccionado coruñés e a súa encomiable e honesta xestión á fronte da asociación. A entrega da distinción foi feita polo presidente de honra da AFAC Ernestro Vázquez Mariño ante un emocionado Manuel Vázquez e o caloroso aplauso de todos os presentes. Foi sen lugar a dúbidas un dos momentos máis emotivos do evento.
Os seguintes premiados por contar cunha dilatada traxectoria de, como mínimo 15 anos continuados, nos seus respectivos clubs, foron: Roberto Rey López, xogador da SD Santa Margarida, e que recibiu a medalla ao mérito futbolístico de mans de Mariel Padín, Vicepresidente 1º da Deputación da Coruña; o xogador do Oza Juvenil SD David Suárez Lareo, que recibiu a distinción de mans de Roberto García, xefe do servizo provincial de deportes da Xunta de Galicia; e David Troyón Ramos, xogador do Torre SD, que non puido acudir ao evento por motivos laborais. Un compañeiro de equipo do Torre SD recolleu o premio entregado por José Nogueira, concelleiro do PSOE na corporación municipal.
Finalmente, por proposta do Cidade Xardín e referendada pola Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña (A.F.A.C.), premiouse a longa traxectoria dedicada ao club do seu barrio a Antonio Gómez Gómez coa entrega da medalla ao mérito no traballo deportivo. O concelleiro de Deportes Francisco Mourelo fíxolle entrega da distinción a Antonio Gómez Gómez.











