Negreira reúnese con profesionais e entidades que traballan polo benestar social, dentro das reunións de Coruña Futura

Encontro con expertos no benestar social
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, mantivo un encontro sobre a acción social e a solidariedade con expertos e profesionais que traballan en temas relacionados co benestar social, enmarcado no proxecto Coruña Futura. Nesta reunión tamén participaron o tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado; o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo; e o director xerente da Fundación EMALCSA, Manuel Aguilar.
É o undécimo encontro sectorial que se celebra, tras os realizados con membros do Corpo Consular; con profesionais do sector das Tecnoloxías da Información; da Creación Dixital e a Produción Audiovisual; da Asistencia Sanitaria; do Comercio, Hostalaría e Turismo; da investigación na Universidade da Coruña (UDC); do mar; do ensino e a educación; e da acción social co obxectivo de continuar coas accións de participación no proxecto Coruña Futura e complementar, deste modo, o traballo iniciado co Foro Cidade, no que se pediu a 260 representantes de diferentes ámbitos da sociedade coruñesa que enchesen un test con temas da bisbarra.
Nesta ocasión, este encontro complementa aos mantidos nas últimas semanas, tamén no ámbito da acción social e a solidariedade. Se a primeira reunión se centrou en entidades que traballan con persoas con diversidade funcional e enfermidades crónicas; e a segunda reuniu profesionais e entidades especializados en temas de inclusión; este terceiro encontro estivo dedicado ao benestar de persoas maiores, nenos e familias, e a empresas con responsabilidade social. O alcalde presentoulles o proxecto Coruña Futura e escoitou os responsables das asociacións e institucións para coñecer as súas inquietudes e demandas.
Este tipo de encontros terá continuidade a través de diferentes reunións con sectores clave da área metropolitana como o deporte, por exemplo. O obxectivo, agora, é continuar cunha fase de definición de proxectos estratéxicos para a cidade, e rematar coas accións de difusión necesarias, ademais de desenvolver iniciativas que xeren novas oportunidades tanto para a creación de emprego, como para o desenvolvemento urbano, social e empresarial.











