Negreira reúnese con profesionais e entidades que traballan en temas de inclusión, dentro dos encontros de Coruña Futura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, mantivo un encontro sobre a acción social e a solidariedade con expertos e profesionais que traballan no campo da inclusión, enmarcado no proxecto Coruña Futura. Nesta reunión tamén participaron o Tenente de Alcalde de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores; o Tenente de Alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado; o concelleiro de Servizos Sociais, Miguel Lorenzo; e o director xerente da Fundación EMALCSA, Manuel Aguilar.

Este é o décimo encontro sectorial que se celebra, tras os realizados con membros do Corpo Consular; con profesionais do sector das Tecnoloxías da Información; da Creación Dixital e a Produción Audiovisual; da Asistencia Sanitaria; do Comercio, Hostalaría e Turismo; da investigación na UDC; do mar; do ensino e a educación; e da acción social co obxectivo de continuar coas accións de participación no proxecto Coruña Futura e complementar, deste modo, o traballo iniciado co Foro Cidade, que recentemente reuniu a mais de 260 representantes de diferentes ámbitos da sociedade coruñesa para valorar as hipóteses de modelo urbano e os proxectos estratéxicos formulados tras a primeira fase dos traballos.

Nesta ocasión, este encontro complementa ao mantido hai uns días, tamén no ámbito da acción social e a solidariedade. Se a primeira reunión se centrou en entidades que traballan con persoas con diversidade funcional e enfermidades crónicas, este segundo encontro reuniu profesionais e entidades especializadas en temas de inclusión. O Alcalde presentoulles o proxecto Coruña Futura e escoitou os responsables das asociacións e institucións para coñecer as súas inquietudes e demandas.

Este tipo de encontros terá continuidade a través de diferentes reunións con sectores clave da área metropolitana como o deporte, por exemplo. O obxectivo, agora, é continuar cunha fase de definición de proxectos estratéxicos para a cidade, e rematar coas accións de difusión necesarias, ademais de desenvolver iniciativas que xeren novas oportunidades tanto para a creación de emprego, como para o desenvolvemento urbano, social e empresarial.

9 de xuño de 2013 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.