Negreira presenta a posta en marcha de Coruña Smart City, “un proxecto para xerar ideas e oportunidades que dinamizará a cidade”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado pola directora xeral de Innovación e Competitividade, María Luisa Castaño Marín, presentou esta mañá no Muncyt o arranque do proxecto Coruña Smart City. No acto, ao que asistiron un centenar de persoas de institucións e entidades vinculadas ao sector das novas tecnoloxías, tamén interviñeron o director xeral de EMALCSA, Jaime Castiñeira e Joaquín Seijas, director técnico da UTE que desenvolverá o proxecto.

O alcalde asegurou que non se trata dun proxecto obrigatorio para unha cidade, pero que a súa posta en marcha “xerará novas ideas, oportunidades e dinamizará a cidade achegando respostas ás novas necesidades”. Destacou que o desenvolvemento deste proxecto permitirá xerar emprego ligado ás novas tecnoloxías “emprego de futuro e estable que nos situará nun escenario máis positivo”. Negreira recordou que Coruña Smart City se puxo en marcha en xullo de 2011, pouco despois de chegar ao Goberno local, e que neste tempo recibiu moitas ideas e propostas por parte dos cidadáns. Agradeceu a todos a súa colaboración e subliñou que Coruña Smart City non é un proxecto illado: “Forma parte dese proxecto global que chamamos Coruña Futura, un espazo para pensar e para reflexionar sobre os nosos obxectivos a medio e longo prazo. Dedicamos moito tempo ao día a día, pero estes espazos tamén son necesarios para descubrir novas oportunidades e saber con quen temos que aliarnos para conseguir as nosas metas de futuro”. Negreira destacou que, dentro do proxecto, se vai poñer en marcha un Centro Empresarial de Servizos, Innovación e Desenvolvemento ademais da organización dun grande evento internacional en torno ás Smart Cities.

Pola súa parte, a directora xeral de Innovación e Competitividade, María Luisa Castaño Marín, asegurou que é un día histórico e que Coruña Smart City é un exemplo a seguir para o resto de cidades polo seu uso da ciencia ao servizo dos cidadáns e pola colaboración entre administracións.

O Concello da Coruña adxudicou o pasado mes de marzo o contrato de Definición deseño e desenvolvemento da plataforma Smart Coruña e definición e posta en marcha da oficina do proxecto á UTE formada por Indra, Altia, Ilux e R. O proxecto de Coruña Smart City vaise desenvolver en dúas fases. A primeira consiste no desenvolvemento dunha plataforma horizontal e oficina do proxecto e a segunda ten que ver coa posta en marcha de pilotos verticais e integrados orientados a reducir o impacto da cidade no medio, promover a interactividade cos cidadáns e mellorar a eficiencia dos servizos municipais.

21 de xuño de 2013 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.