Negreira participa no Foro Municipal dos Alcaldes que se celebra en Bilbao

Intervención de Carlos Negreira no foro
O Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, participou esta tarde no World Cities Summit Mayors Forum-Foro Mundial de los Alcaldes que se está a celebrar dende hoxe e ata o próximo sábado, 15 de xuño, en Bilbao, baixo o lema Ciudades sostibles: retos comúns, solucións compartidas.
O rexedor interveu na segunda sesión de debate Edificando unha economía competitiva para presentar o porto da Coruña como unha das principais fontes de xeración de riqueza e de actividade económica da área, e como elemento clave para o desenvolvemento dun potente clúster marítimo portuario. Na súa comparecencia, Negreira explicou a situación estratéxica do porto coruñés para as rutas marítimas internacionais e a evolución do porto ao longo da historia. Ademais presentou o porto exterior de Punta Langosteira e os principais datos portuarios como o movemento de 12 millóns de toneladas anuais de produtos petrolíferos, carbón e graneles; a súa destacada posición como maior porto de peixe fresco de Europa; ou o récord histórico que supón para A Coruña recibir ao longo de 2013 170.000 cruceristas.
O Alcalde destacou, ademais, a importancia de xestionar coidando o máis valioso que nos deixa o pasado, afrontando con criterios racionais o presente e asomándose ao futuro para anticiparse aos retos que nos esperan. Neste sentido, referiuse a proxectos como Coruña Futura ou Smart City que axudarán A Coruña a recuperar o seu papel de referente do noroeste español.
Esta edición, a cuarta, é a primeira que se celebra fóra de Singapore e ao evento acudiron 54 cidades do mundo co fin de intercambiar experiencias.
A Coruña sitúase xunto con Bilbao, Madrid, Barcelona como unha das representantes españolas deste encontro.











