Natación, tenis, pádel e fútbol acaparan a oferta deportiva de Cedeira para o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeiraDeportesLocal
A-
A+

Deportes acuáticos como a natación ou o wáter-polo, o fútbol, o tenis e o pádel centrarán a oferta deportiva do municipio de Cedeira para os máis pequenos da casa durante o verán. Así, os cursos de tenis e pádel arrancarán o 1 de xullo e impartiranse dous días á semana durante o próximo mes e agosto. Están dirixidos a nenos e mozos de entre 5 e 16 anos e o custo é de 10 euros ao mes. Para formalizar a inscrición é necesario dirixirse ao Pavillón Polideportivo da vila ou ben a través do teléfono 622 755 179 os martes e xoves de 10 a 12 ou de 18 a 19 horas. Están organizados polo Cedeira Tenis Club coa colaboración da Concellaría de Deportes.

Tamén durante os meses de xullo e agosto, aínda que nesta ocasión de luns a venres unha hora ao día, celebrarase a primeira edición do Campus de Fútbol Cedeira para nenos e mozos de entre 5 e 16 anos. Unha actividade que se inicia este ano promovida polo Cedeira SD coa colaboración do Concello e cuxo custo é de 25 euros/mes, con descontos para irmáns. A inscrición está aberta e debe formalizarse nas oficinas do club, situadas no propio campo municipal do Beco. Unha vez pechada a inscrición definiranse os grupos en función da idade e, entre as
actividades a desenvolver, están exercicios de técnica individual, colectiva, defensiva, de porteiros…

Así mesmo, o Club Natación Cedeira Muebles García, co apoio da Concellaría de Deportes, organizará tamén en xullo e agosto o Campus Deportivo-Educativo Multidisciplinar. Levarase a cabo de luns a venres de 11 a 14,15 horas para nenos de 8 a 13 anos. Cada xornada estruturarase en tres bloques temáticos: Actividades de Aula, de Pista e de Piscina e, cada un deles, incluirá diferentes accións. Entre elas, ludoteca, biblioteca, informática ou vídeos deportivos no primeiro bloque; atletismo, baloncesto, psicomotricidade ou sendeirismo no segundo, e natación (iniciación ou perfeccionamento), wáter-polo, saltos ou salvamento e socorrismo no terceiro. O prezo da actividade
por mes é de 31 euros, con desconto para irmáns. Os interesados en anotarse poden facelo nos teléfonos 646 289 440, 690 814 842 e 698 190 518, así como no correo cnatacioncedeira@gmail.com. Ademais, organizados pola Concellaría de Deportes, no mes de xullo e en horario de mañá a piscina climatizada do Pavillón Polideportivo acollerá cursos de natación.

Dirixidos a nenos maiores de tres anos, as prazas son limitadas e concederanse por rigorosa orde de presentación das solicitudes. O prazo para realizar a preinscrición permanecerá aberto ata o próximo 20 de xuño e, a confirmación de praza, realizarase entre os días 21 e 27 mediante o
pagamento da taxa correspondente. Comezarán o 1 de xullo.

Por último, o Concello avanza que nos próximos días dará a coñecer as súas propostas en materia de deportes náuticos.

14 de xuño de 2013 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.