Multitudinaria inauguración do Monumento en honra á Música en Cedeira, obra de Bernardo Fernández

Inauguración do monumento
O alcalde de Cedeira, Leopoldo Rubido, inaugurou hoxe o Monumento en honor á Música, obra do marmorista e escultor Bernardo Fernández. Veciño que decidiu ceder a peza ao seu pobo para reivindicar o valor do canto e o espírito alegre dos cedeireses, moi afeccionados a este. Do cariño que os seus veciños lle profesan daba boa mostra o aspecto que presentaba a rúa María Mediadora e o seu ámbito, repleta de xente de todas as idades. E é que, se por algo se caracterizou o acto, foi pola emotividade.
Comezaba coa actuación dun grupo de doce nenos de curta idade que interpretaban unha peza inaugural ao acordeón. Deseguido, tomaban o relevo nenos de apenas catro anos do grupo Buxainas, que cantaron e bailaron para o autor da obra. Non só iso, ao final da súa actuación, un
dos pequenos fíxolle entrega dunha fotografía na que lle agradecían o seu apoio e o aseguraban que fora un exemplo para a formación. E, a continuación, catro nenos do grupo desenroscaron os lazos que suxeitaban a tea que, ata o momento, cubría o monumento. Unha impresionante peza en mármore con relevos alusivos á música. Loce xa no ámbito do Centro Socio Cultural, o lugar que Bernardo Fernández quería para a súa escultura, por gardar especiais recordos para el.
Foi entón cando o alcalde, Leopoldo Rubido, tomou a palabra para destacar a súa honestidade, traxectoria laboral, a súa extraordinaria capacidade para sobrepoñerse á adversidade, para axudar a os seus veciños… en definitiva, un exemplo para todos. Tamén quixo agradecerlle en nome do pobo a cesión da peza, que se recordará para sempre cunha placa situada aos pés do propio monumento. Bernardo Fernández, visiblemente emocionado, reivindicou entón o carácter alegre dos cedeireses e o valor da música e o canto, cuxa tradición propuxo recuperar. E, para rematar, quixo agradecer as mostras de cariño dos seus veciños ao longo da súa vida. O son da gaita tomou entón o protagonismo para clausurar o acto.











