Mos presenta as súas Mañás de Verán e Xornadas Multiaventura como oferta lúdica estival para nenos e mozos do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+

A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, deu conta recentemente en Comisión Informativa da organización, un ano máis, do campamento matinal estival para nenos e nenas mosenses, Mañás de Verán, e das Xornadas Multiaventura dirixidas á mocidade mosense.

O campamento matinal Mañás de Verán desenvolverase nas instalacións do CEIP Mestre Valverde Maio, en Sanguiñeda en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres. Esta iniciativa vai dirixida a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e 12 anos e ten un custe por neno e quenda de 40 euros, mentres que si asisten dous irmáns xuntos o prezo polo segundo irmán redúcese a 30 euros. Os pais que así o desexen poderán contratar a maiores o servizo de Aula Madruga pagando a maiores un importe de 20 euros, e tamén dispoñerán, se o precisan, de servizo de comedor cun custo de 50 euros.

Os obxectivos das Mañás de Verán son facilitar a conciliación da vida laboral e familiar no período de vacacións escolares, promover  a calidade de vida dos nenos/as de Mos e das súas familias, potenciar a educación en valores e hábitos saudables, favorecer o coñecemento da diversidade e riqueza natural do noso entorno e facer deste proxecto unha experiencia divertida e inesquecible para os rapaces e rapazas de Mos.

As actividades distribuiranse en 4 quendas que poderán escoller os solicitantes:1ª quenda do 1 ao 15 de xullo (ambos inclusive), 2ª quenda do 16 ao 31 de xullo (ambos inclusive), 3ª quenda do 1 agosto ao 16 de agosto (ambos inclusive) e 4ª quenda do 19 ao 30 de agosto (ambos inclusive).

O prazo de inscrición para os que queiran asistir na primeira quenda de xullo remata hoxe e para o resto das quendas o prazo será dende mañá martes, 18 de xuño, ata o 25 de xuño. A publicación do listado de admitidos para a primeira quenda, será o día 19 de xuño, e o pago farase entre os días 20 ao 26 xuño. O listado de admitidos no resto das quendas publicarase o día 1 de xullo, quedando aberto o prazo dende o 2 ao 10 de xullo para facer o pago.

En canto ás Xornadas Multiaventura dicir que se trata dunha fin de semana de aventuras na estación de montaña OCA Manzaneda, dirixida á xente nova de 14 a 17 anos durante os períodos vacacionais onde compartir experiencias e aventuras. A actividade realizarase os días 18 e 19 de xullo cos obxectivos de promover un ocio saudable na xuventude do municipio de Mos no período vacacional, promover actividades que favorezan a diversión creando un ambiente lúdico, dar a coñecer diferentes actividades lúdicas de ocio e tempo libre, impulsar o concepto de Concello saudable a través do ocio colectivo programado, promover a calidade de vida da xente nova, fomentar o compañeirismo e a tolerancia a través de actividades de traballo en equipo, e potenciar actitudes de valoración e respeto hacia no entorno físico e natural.

O prazo de inscrición na actividade será dende o 25 de xuño ata  ao 11 de xullo. A publicación da lista de admitidos realizarase o 12 de xullo. E o pago de 54 euros por persoa admitida deberá facerse dende o 12 ao 16 de xullo.

17 de xuño de 2013 | 16:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.