Mos enorgullécese do lado máis solidario das Festas da Rosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalLocal PortadaMos
A-
A+

A Festa da Rosa 2013 toca o seu fin co espectáculo A Prima Vera, do programa Ocio en Familia, que o vindeiro domingo, día 30 de xuño, terá lugar no Multiusos a partir das 20.00 horas da tarde. As festas grandes mosenses aproxímanse polo tanto ó remate da presente edición e, precisamente onte, materializábase un dos resultados máis positivos da celebración deste ano. A concelleira de Cultura e Benestar Social mosense, Sara Cebreiro, acompañada por representantes das corais participantes e da Banda de Música Xuvenil de Torroso, achegábase ata o centro das Escravas da Virxe Dolorosa situado na parroquia de Petelos, para entregarlles en man ós seus membros un cheque cos beneficios obtidos da venda de rifas do Concerto Benéfico celebrado o domingo 16 de xuño. En total recaudáronse 6.000 euros mediante a venda de ditas rifas na que se implicaron moitísimo as propias usuarias deste centro que, en definitiva, serán as beneficiarias finais desta recaudación.

A estes 6.000 euros hai que sumarlles ademais os 1.300 euros recaudados polos panadeiros o propio Día da Rosa, 13 de xuño, tamén con fins solidarios pero nesa ocasión destinado a outro colectivo de persoas con discapacidade, os membros da Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos, Asodifisi. En total recaudáronse, con fins benéficos, durante as Festas da Rosa, un total de 7.300 euros que serán investidos na mellora da calidade de vida dun dos colectivos máis desfavorecidos do municipio: os homes e mulleres que sofren algún tipo de discapacidade física ou intelectual e que en Mos son atendidos, formados e axudados nos centros das Escravas da Virxe Dolorosa e de Asodifisi.

A iniciativa de doar a Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos, Asodifisi, o recaudado nas vendas realizadas o pasado 13 de xuño, Día da Rosa, nos postos expositivos que cada un deles tivo instalado na Praza do Concello, surxiu dos propios panadeiros, gremio de profesionais homenaxeado este ano. A semana pasada reuníronse no Concello de Mos a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, Sara Cebreiro, edil de Cultura e Benestar Social, xunto con representantes do sector da panadería e a pastelería do termo municipal, e membros da directiva de Asodifisi, para facerlle entrega a estes últimos da cantidade de 1.300 euros recaudada polos panadeiros o Día da Rosa. O cheque recibiuno María Carrera, presidenta de Asodifisi, de mans do panadeiro mosense en activo de maior idade, Constantino González Gómez.

O motivo da homenaxe ós panadeiros durante a Festa da Rosa foi que se trata dun dos oficios máis tradicionais e prolíficos históricamente neste municipio. Incluso hoxe en día son moitas as panaderías asentadas na localidade mosense, por iso dende o equipo de goberno local decidiuse adicar parte dos actos do día 13 de xuño ós profesionais deste oficio que viven ou traballan en Mos, así coma ós que o fixeron en tempos pretéritos. A homenaxe ós panadeiros mosenses consistiu nunha exposición de postos na explanada xunto ó Concello, sendo nesta ocasión o tema protagonista o tan tradicional oficio da panadería neste municipio. Varias das panaderías locais montaron o seu propio posto adornándoo cos seus productos artesáns que os visitantes interesados tamén puideron adquirir e degustar; e os beneficios das vendas foron destinados, como xa se dixo, a axudar á Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos de Mos, Asodifisi, por iniciativa dos propios profesionais.

28 de xuño de 2013 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.