Mobilidade instala pasos de peóns máis seguros e incrementa as zonas de aparcadoiro en superficie para motos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A concelleira de Tráfico e Mobilidade, Begoña Freire, informou esta mañá do modelo de pasos de peóns que comezará a implantarse na cidade e que mellorará a seguridade dos vehículos de dúas rodas. No novo sistema deixarase sen pintar unha das bandas nos pasos de peóns en cada carril de circulación, coa finalidade de mellorar a adherencia de motocicletas, ciclomotores e bicicletas.

Begoña Freire indicou que o parque de motocicletas e ciclomotores se incrementou considerablemente un 11% no último ano, así como tamén o uso das bicicletas, polo que é preciso adoptar medidas específicas que melloren as condicións de seguridade para este tipo de vehículos. En concreto, o parque de motocicletas na cidade en 2013, incluíndo os ciclomotores, alcanza as 13.324 unidades. “A seguridade dos medios de desprazamento máis expostos, como son os vehículos de dúas rodas, é unha das metas da mobilidade sostible e non hai sostibilidade sen seguridade”, sinalou.

Mantivemos reunións co colectivo moteiro da cidade, coa Federación Galega de Motociclismo, con asociacións ciclistas e tamén con expertos en seguridade vial, e todos coinciden en que a sinalización vial horizontal é un dos riscos aos que se enfrontan estes colectivos. O problema estriba no diferente grao de adherencia entre a sinalización vial e o propio asfalto”, afirmou Freire, quen engadiu: “O problema agrávase cando o pavimento está mollado, dado que o asfalto drena moito mellor a auga que a pintura da sinalización vial e, tamén, o risco crece exponencialmente cando o pintado se sitúa nun trazado con curva, onde a estabilidade destes vehículos se ve moito máis comprometida,”.

Freire sinalou que esta medida se implantará de modo gradual, inicialmente aproveitando os traballos de reasfaltado, e continuarase traballando para ir substituíndo de xeito paulatino todos os antigos pasos de peóns por este novo modelo máis seguro para os usuarios de motocicletas, ciclomotores e bicicletas.

INCREMENTO DE PRAZAS PARA MOTOS

En concordancia co crecemento do parque de motos e nunha clara aposta do Concello cara aos modos de transporte máis sostibles, incrementaranse as zonas de aparcadoiro en superficie reservadas para motos. A concelleira puxo como exemplo San Andrés, a rúa da Cerca e o ámbito da praza de España.

Neste compromiso coa optimización do espazo público, Freire tamén indicou que se modificarán as zonas reservadas a este estacionamento, non establecendo separación entre prazas, pois os motoristas xa aparcan con total respecto aos demais vehículos. Ademais, procúrase a súa situación xusto antes dos pasos de peóns, no carril de circulación segundo o sentido da marcha, aumentándose así o campo visual dos condutores e peóns.

É importante recordar que a utilización da vía pública é un dereito que debe exercerse con responsabilidade, como condutores e como peóns; utilizando os pasos habilitados, respectando a sinalización vial, adaptando a velocidade aos límites legais e circunstancias, e colaborando coas persoas máis sensibles, é dicir, os maiores, os nenos, as persoas con mobilidade reducida ou os que utilizan medios de desprazamento máis expostos.

ZONAS AVANZADAS

Sobre a posible implantación de zonas avanzadas para motoristas e ciclistas en pasos de peóns con semáforos, Freire indicou que, ás iniciativas que se van impulsar para mellorar as condicións de seguridade e mobilidade dos vehículos de dúas rodas, se sumará “o estudo da creación de zonas avanzadas nos pasos de peóns semaforizados da cidade, dentro do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), nos puntos de elevado volume de tráfico diario, e de acordo coas demandas e suxestións dos colectivos implicados”.

“Nos novos pasos de peóns semaforizados poderemos implantar o que xa indica o proxecto do novo regulamento xeral de circulación. Analizarase a vía e o volume tráfico para valorar se resulta axeitado sinalizalo con dúas liñas discontinuas de cor branca, dispostas sobre o pavimento perpendicularmente ao eixe da calzada, dependendo a franxa de separación entre ambas as dúas liñas e demais circunstancias concorrentes do tráfico e da vía, e en todo caso, incluirá o ancho do vao peonil correspondente”, afirmou Freire, quen puxo como exemplo a praza de España á saída do túnel.

“Trátase dunha medida que está a dar bos resultados nalgunhas cidades, polo que será debatida a súa inclusión con ciclistas e motoristas,” indicou Freire. “A nosa cidade vivirá nos próximos anos un importante cambio de ciclo en materia de mobilidade, auspiciado pola posta en marcha de estratexias cun enfoque integral e nos que os requirimentos da mobilidade sostible serán consensuados e asumidos polos cidadáns”, concluíu a concelleira.

4 de xuño de 2013 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.