Mércores de teatro musical en Monforte coa obra “Faraoas”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalMonforte de Lemos
A-
A+

A Compañía de Teatro TIRITA PRODUCIÓNS, presentará o vindeiro mércores día 12 de xuño, no Edificio Multiusos de Monforte  ás 20:15 h., a súa produción de teatro-musical “FARAOAS”.

Trátase dun texto orixinal de Roi Vidal, dirixido por el mesmo e interpretado polas actrices Ana Puente e Paku Granxa, que tamén poñen voz ós temas musicais.

A música orixinal está composta por Brandán Lourenzo, que a interpreta á guitarra acompañado polo clarinetista Marcos Represas.

A trama da obra desenvólvese en “O  Deserto”, un pequeno club do centro da cidade onde as actuacións musicais fan esquecer as penas dos clientes. Norma, a dona do local, decidirá retirarse e legar o seu negocio a unha substituta merecente.

Así foi como coñeceu a Nina, unha rapaza con moitas ganas de triunfar no mundo da canción que espertou nela enerxía renovada. Norma e Nina acabaron formando parella artística e crendo nun éxito que ninguén lles prometeu. Dez anos despois daquel feliz encontro, Norma, outra vez, decide retirarse, desta vez de xeito definitivo, mais antes quere que Nina lle axude a lembrar os mellores momentos da súa vida en común. E nese teatro de representárense a si mesmas é como han descubrir até que punto as cambiaron a convivencia e os éxitos, o tempo e os fracasos, o amor e os segredos.

O prezo da entrada para esta obra será de cinco euros.

A representación está organizada pola Compañía TIRITA PRODUCIÓNS coa colaboración do Concello de Monforte, quen cede o local para poder levala a cabo.

7 de xuño de 2013 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.