Martín Fernández Prado finaliza a rolda de reunións do PEPRI con colectivos profesionais, veciños e comerciantes
O tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, acompañado polo equipo redactor do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de Casco Histórico, As Atochas, Peixaría e Orzán e técnicos da Concellaría de Urbanismo, mantivo coa Agrupación de Veciños e Comerciantes de Monte Alto, unha reunión para informalos sobre o documento, como afectará á súa zona en concreto e escoitar, de primeira man, as súas inquietudes e suxestións. Neste sentido, Fernández Prado agradeceu a implicación desta entidade para mellorar unha zona tan emblemática da cidade.
Este encontro foi a última das reunións que o concelleiro mantivo con colectivos profesionais, veciños e comerciantes. En total, invitouse a 13 colectivos; só declinando este convite a Asociación de Veciñas e Veciños dás Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules:
. Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros de Edificación.
. Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos.
. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
. COAPI (Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da provincia da Coruña).
. APROINCO (Asociación Provincial de Promotores Inmobiliarios da Coruña)
. Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.
. Colectivo 15001.
. Cámara de Comercio da Coruña.
. Asociación Zona Comercial Obelisco.
. Agrupación de Veciños e Comerciantes de Monte Alto.
. Asociación de Veciñas e Veciños dás Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules.
. Asociación de Veciños Enseada do Orzán.
. Asociación de Veciños da Cidade Vella.
A rolda de reunións continuará con tres encontros cos grupos municipais socialista, nacionalista e de EU – Os Verdes.
Esta iniciativa é unha clara aposta do Goberno local pola transparencia do documento e o seu proceso de redacción e aprobación, así como por fomentar a participación e implicación dos veciños na súa elaboración. Súmase a outras medidas que perseguen este mesmo obxectivo como a notificación individualizada da aprobación inicial do documento aos 12.000 veciños; a exposición pública que se pode visitar na Casa de Cultura Salvador de Madariaga; a web www.coruna.es/urbanismo; e a formación dun equipo de traballo que, cita previa, atenderá persoalmente a cada comunidade de veciños ou propietario que demande información.
O novo PEPRI aposta pola conservación e rehabilitación tanto dende o punto de vista ambiental como histórico. Para evitar a perda patrimonial da última década, a normativa favorece a rehabilitación e conservación. De feito, é máis flexible e todos os edificios incluídos no PEPRI poderán realizar obras de mellora e ampliación, solicitar a instalación de ascensores ou pedir subvencións para rehabilitar.
O documento non se limita a ser un simple marco normativo para favorecer a conservación de edificios, tamén fai unha serie de propostas para mellorar o ámbito.
– Urbanización. A revisión do PEPRI formula a modernización de infraestruturas, sobre todo na Cidade Vella, para mellorar o nivel de urbanización do barrio que, nalgúns aspectos, segue ancorado no pasado.
– Mellora de espazos públicos. Foron os grandes esquecidos nos últimos anos, sobre todo no que respecta á Cidade Vella. Propóñense actuacións para a súa posta en valor, dignificando os espazos públicos para recuperar a imaxe urbana.
– Recuperación de soares e edificios baleiros. Hai un 18% de vivendas baleiras, ademais de edificios en mal estado e soares abandonados. O Concello da Coruña tratou de contrarrestar esta situación mediante dúas vías: a través das políticas de rehabilitación e subvencións; e a través das sancións aos propietarios que incumpren a ordenanza de conservación. Estase a estudar pasar a unha segunda fase: que a Oficina de Rehabilitación sexa máis próxima e activa, que saia á rúa a solucionar o problema, a falar cos propietarios e intentar alcanzar acordos que beneficien tanto ao propietario coma á cidade.
– Reactivación económica da zona. A área que comprende o PEPRI coincide co centro comercial e de negocios da bisbarra, sen que se nos esquece o maioritario uso residencial de zonas como a Cidade Vella. A revisión do Plan pretende combinar ese uso residencial co terciario e que as medidas que se adopten sirvan para facer máis atractivo o ámbito e reactivar a economía.











