Marcha a San Andrés e Día da Bicicleta, este fin de semana en Cedeira
O Concello de Cedeira, a través da Concellaría de Deportes, organiza este sábado unha Andaina a San Andrés de Teixido dirixida especialmente ao colectivo da Terceira Idade. A marcha arrancará no Auditorio Municipal da localidade e discorrerá polo Camiño Real. Con saída prevista ás 10 horas, estímase que a chegada se produza en torno ás 13,30 horas. Será entón cando os participantes visiten o santuario e participen das tradicións do lugar. A continuación, celebrarase unha comida-pícnic no lugar e, tras esta, realizarase o regreso (en coche).
Así mesmo, o domingo o Concello celebrará de “Día dá Bicicleta”, aberta á participación de todos os veciños e veciñas da localidade. A cita consistirá nun paseo en bicicleta polas rúas da vila, no que a competición será o menos importante. Trátase de gozar en conxunto de Cedeira e tamén deste medio de transporte tan respectuoso co medio. A Concellaría de Deportes espera que o tempo acompañe e calcula que o percorrido previsto, adaptado a todas as idades, dende nenos ata avós, dure en torno a unha hora. Este tempo sen coches comezará e concluirá en pleno corazón da vila, no Parque do Sagrado Corazón. Dende o Concello infórmase de que previamente á saída, que se estima en torno ás 11,30 horas, se procederá á inscrición de todos os participantes. Precisamente, esa inscrición dará dereito a participar nun sorteo de detalles que levará a cabo o Concello nesa mesma praza.











