Manuel Baltar: “Os libros tamén axudan a saír da crise porque dinamizan o sector”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na presentación da Feira do Libro de Ourense 2013, que se desenvolverá entre os días 4 ao 9 de xuño, que os libros “tamén axudan a saír da crise”, referíndose a que eventos como as feiras do libro “contribúen a dinamizar o sector e fortalecen o achegamento dos cidadáns ás letras, principalmente dos nenos, ámbito da poboación no que incide sinaladamente a feira este ano”.

Manuel Baltar destacou que Ourense “é con maiúsculas unha cidade literaria, e a “festa” do libro ten que ser unha homenaxe para todos: lectores, libreiros, editores e persoeiros que ao longo do tempo fixeron da provincia de Ourense un berce de creación literaria da man dos Risco, Cuevillas, Lamas Carvajal ou Otero Pedrayo, entre outros”.

A presentación da Feira do Libro tivo lugar na sede da Confederación Empresarial de Ourense. Estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez, a quen acompañaron a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez; o presidente dos Libreiros de Ourense, José M. García Mosquera, e o propio Manuel Baltar.

Nesta edición a achega da Deputación de Ourense para este certame é de 6.000 euros, nunha data, lembrou o presidente provincial, “no que se cumpren os 150 anos dos “Cantares gallegos”, de Rosalía de Castro”, e engadiu que o compromiso da institución provincial coa cultura amósase, ademais da súa achega á feira do libro, na biblioteca e no servizo de Publicacións da Deputación e os espazos culturais que o ente provincial pon a disposición dos cidadáns, como son o Teatro Principal e o Centro Cultural “Marcos Valcárcel”.

A Feira do Libro de Ourense inaugúrase mañá martes, ás 20.00 horas na Alameda, e conta cun amplo programa de actividades entre as que destacan as dirixidas ao público infantil, “porque eles son os lectores do futuro”, afirmou Pilar Rodríguez.

3 de xuño de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.