Mañá, último día para anotarse no III Campus de Atletismo que terá lugar en Ordes entre o 25 e 28 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrdes
A-
A+

Maná mércores 19 de xuño remata o prazo para poder inscribirse no III Campus de Atletismo que se desenvolverá na Cidade Deportiva Vista Alegre do Concello de Ordes. Unha iniciativa dirixida tanto a rapaces e rapazas de Primaria e Secundaria como a adultos e veteranos, e que terá lugar dende o 25 ata o 28 de xuño.

Aqueles que queiran participar poderán  anotarse no Concello de Ordes, no Concello de Cerceda ou ben no colexio Celso Emilio Ferreiro, na Silva. Para iso é preciso achegar a ficha de inscrición  e o xustificante de pago, cuxo importe por alumno ascende a 18 euros (30 euros no caso das parellas de irmáns e 40 euros a partir de tres). Os cartos deberán ser ingresados en Novagalicia Banco, no número de conta 2091 0037 78 3000089371, especificando ‘Campus Atletismo 2013’ como concepto do ingreso.

O primeiro día o programa arrancará con carreiras de velocidade, nas que se inclúen circuítos con e sen obstáculos, ademais de xogos multiatléticos. O mércores 26 levaranse a cabo as probas de lanzamento de xavelina, disco, martelo, peso e xogos de multilanzamento. Xa de cara ao xoves 27 a xornada estará centrada nos saltos de lonxitude e altura, ademais das carreiras de resistencia. Para finalizar, o venres 28 disputaranse carreiras de relevos. Os gañadores virán dados pola suma total de cada unha destas probas. Para todos eles haberá trofeos, ademais de sortearse agasallos entre todos os participantes.

O cadro técnico para este ano está encabezado por José Domínguez, adestrador nacional de atletismo e licenciado en Educación Física. Outros compoñentes serán: Sandra Don, Julio Santiago Freijanes, Ana Domínguez e Irene Mallo, todos eles monitores nacionais de atletismo. 

18 de xuño de 2013 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.