Mañá comezan as obras de acondicionamento e pavimentación do acceso ao Muíño da Veiga desde Quintela, con labores de desbroce e canalización da zona
A canalización das tuberías e o desbroce da zona será o primeiro paso das obras de acondicionamento e pavimentación do acceso ao Muíño da Veiga, que comezan mañá. Así, entre a estrada N-120 dirección Vigo, na zona de Quintela, e a zona termal, a empresa adxudicataria do proxecto, TRAGSA, executará as obras, durante un período estimado de dous meses.
O Concello de Ourense investirá un total de 49.967,98 euros, no acondicionamento dun acceso que desde mañá luns e ata que rematen as obras, permanecerá pechado ao tráfico. O Concello recomenda empregar como uso alternativo para acceder á zona termal do Muíño o primeiro acceso da N-120 dirección Vigo.
A actuación contempla a roza e poda de vexetación nas beiras do camiño, a preparación dos terreos e limpeza de cunetas, a pavimentación e o adoquinado, así como a execución de dous caños transversais e unha barreira de seguridade.
As Pozas do Muíño da Veiga atópanse dentro do conxunto termal establecido no Plan Estratéxico Termal, aprobado polo Pleno do Concello de Ourense en 2007, que define tres ámbitos de actuación: a Área Termal das Burgas, a Área Termal do Campo da Feira e a Área de Reza. Entre estas dúas últimas atópase o Muíño da Veiga.











