Máis dun centenar de empresarios participan na xornada de portas abertas do taller Terras do Miñor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalNigrán
A-
A+

O taller de emprego mancomunado Terras do Miñor celebrou hoxe nas instalacións da Residencia de Tempo Libre de Panxón unha xornada de portas abertas, na que participaron máis dun centenar de hostaleiros da bisbarra. “O obxectivo da xornada de portas abertas é dar a coñecer a actividade que se está a desenvolver neste taller, o primeiro vinculado á hostalaría que se celebra na bisbarra do Val Miñor, así como presentar aos seus participantes como futuros candidatos a ocupar un posto de traballo nos negocios de hostalaría e restauración da zona”, explicou Valverde.

Esta iniciativa, posta en marcha pola Mancomunidade do Val Miñor e financiada pola Xunta de Galicia, imparte dende o pasado mes de febreiro a 30 desempregados da bisbarra formación de calidade e a posibilidade de acceder a un posto de traballo nunha bisbarra cunha actividade hostaleira elevada. “Ademais de formar os participantes en operacións básicas de cociña e servizos de restauración, os talleres teñen como obxectivo garantir o acceso ao mercado laboral ao 70% dos seus participantes”, subliñou o presidente da mancomunidade.

Neste sentido, Valverde incidiu na importancia da implicación dos empresarios hostaleiros da bisbarra nesta xornada, especialmente coa tempada estival a punto de comezar.

Na programación da xornada destaca unha Máster Class de coctelería con Monín, un Espectáculo Cooking de algas, unha cata de viños e un monográfico sobre a elaboración e catalogación do wisky. Ao finalizar as actividades, os participantes gozaron duns aperitivos servidos e elaboradores polos participantes do taller.

A actividade completouse con postos de firmas vinculadas ao mundo da hostalaría e a restauración, nos que realizaron unha exhibición e mostra dos seus produtos.

12 de xuño de 2013 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.