Máis de 88.000 alumnos galegos participaron este curso nos programas de reparto de leite e froita na escola

Rosa Quintana no centro de Frades
Máis de 88.000 alumnos galegos de 396 centros escolares participaron este curso nos programas de reparto de leite e froita na escola que se realizan a través do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA). A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria, José Manuel Pinal, participou esta mañá na entrega de froita ao alumnado do Centro Público Integrado Ponte Carreira, en Frades (A Coruña). Un acto no que tamén participou o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez.
Segundo destacou a conselleira estes programas teñen por obxectivo formar aos nenos en hábitos de vida saudable e de alimentación equilibrada, fomentando unhas rutinas de consumo de froita e de leite de cara ao futuro, para a prevención de enfermidades cardiovasculares e de obesidade. Ademais, actúan como un sistema de regulación de mercados, promocionando a venda de produtos agrarios.
En concreto, no programa de distribución de leite e produtos lácteos participaron neste curso un total de 27.826 alumnos, pertencentes a 116 centros escolares. No curso pasado (2011-2012) a achega total de axudas deste programa foi de 50.191 euros. Estas axudas para o leite consisten basicamente na concesión a prezo reducido do produto. O dereito á axuda xérase ao subministrar ao alumnado de infantil, primaria e secundaria, durante os días lectivos do curso, leite e derivados, sempre que non se exceda a cantidade máxima de 0,25 litros de equivalente de leite por alumno e día.
No caso da froita no 2012-2013 participaron 60.376 alumnos de 280 centros e a axuda foi de 251.526 euros. A axuda neste programa consiste na subvención de 0,25 euros por alumno e día para o reparto de froita fresca, a distribuír de 1 a 4 semanas ao longo do curso.
Por outra banda o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria; salientou o traballo que a Xunta de Galicia está a facer en prol da educación en valores do alumnado galego. Neste sentido lembrou que o programa de distribución de froitas aos centros escolares forma parte do ‘Plan Proxecta’, a iniciativa de innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para integrar na planificación anual dos centros de programas postos en marcha por entidades alleas ao sistema educativo, neste caso, por outras consellerías. O obxectivo do Proxecta é promover a aprendizaxe de hábitos saudables, a sensibilización medioambiental, ou a solidariedade, entre outros valores, desde os propios centros, grazas á colaboración interdepartamental e interdisciplinar e a labor fundamental dos docentes.











