Máis de 600 escolares que participan no Programa de Ocio Educativo visitan a rede local de bibliotecas e museos
A Concellaría de Educación informa de que os máis de 600 escolares de 3 a 7 anos do Programa de Ocio Educativo (POE) municipal finalizarán o próximo 14 de xuño as súas actividades complementarias aos diferentes talleres que realizaron nos seus colexios durante o presente curso académico.
Nas próximas semanas, os escolares participarán nos macrocuentacuentos organizados polas bibliotecas municipais do Fórum Metropolitano e de Durán Loriga, onde descubrirán a maxia dos contos: personaxes, historias que se entrecruzan e unha pequena mascota que vive entre os libros da biblioteca trasladarán os escolares máis pequenos entre os pequenos, a un mundo de invencións onde todo pode facerse realidade.
No Aquarium Finisterrae, con actividades deseñadas especificamente para eles, coñecerán o mundo mariño por medio das diferentes especies que o habitan, o seu hábitat e a necesidade de respecto e coidado dos seres vivos. Pola súa banda, na Domus, os alumnos realizarán talleres que lles descubran a ciencia por medio da creación e innovación nas actividades nas que participen.
O obxectivo deste programa é ofertar propostas didácticas que acheguen aos escolares, entre outros, ao mundo científico e ao das artes plásticas e escénicas, por medio de proxectos específicos que potencien a creatividade, a imaxinación e esperten unha sensibilidade temperá cara a estes procesos.
A Concellaría de Educación, ao igual que fai noutros programas municipais, aposta por un modelo de unir sinerxías a través do traballo en equipo coa rede local de bibliotecas e museos científicos, así como coas fundacións e asociacións da cidade expertas e sensibles á infancia e xuventude no marco da educación.
Durante o primeiro e segundo trimestre do curso, os alumnos xa visitaron e realizaron diversas actividades nos Museos Científicos Coruñeses e no Museo de Belas Artes da Coruña, ademais de asistir a funcións teatrais e participar na oferta educativa de fundacións sociais. Ademais, o pasado 23 de maio, participaron, por primeira vez, na gala final do Certame do Teatro Escolar que se celebrou no Teatro Rosalía Castro, ben representando 5 obras en inglés ou ben asistindo como público.











