Máis de 350 persoas participarán o domingo nunha nova edición da ruta BTT “Entre dúas rías” entre Ares e Mugardos
Un ano máis, as Concellaría de Deportes de Ares e Mugardos, coa coordinación do Club do Mar Pulpeiros BTT -unha entidade federada pertencente á Federación Española de Ciclismo, que conta con monitores e persoal titulado e cunha ampla experiencia na organización de probas deste tipo- promoven a ruta de BTT “Entre dúas rías”, na que participarán máis de 350 persoas, segundo confirmaron dende o Consistorio aresán.
Esta actividade, que obtén sempre unha destacada resposta de deportistas chegados de toda Galicia e norte de España, terá este ano como punto de partida e chegada o pavillón municipal mugardés, percorrendo durante o traxecto tamén o concello de Ares.
Os participantes sairán ás nove da mañá, estando previsto o remate sobre as dúas da tarde.
Dende o Concello de Ares agradeceuse a colaboración do Club do Mar Pulpeiros BTT, xa que sen o seu traballo, que inclúe incluso a limpeza de sendeiros polos que pasa a ruta, sería imposible o desenvolvemento desta proba, un referente do ciclismo de montaña no norte de España.