Máis de 150.000 euros para 5 cursos AFD en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+

O concelleiro de Formación e Emprego mosense, Óscar Soto, deu conta onte en Xunta Local de Goberno, da subvención concedida pola Xunta de Galicia ó Concello de Mos, que asende a un total de 150.500 euros, para impartir no municipio 5 Cursos AFD durante o presente ano 2013.

As accións formativas a cursar en Mos serán Atención sociosanitaria de persoas no domicilio, Inglés (Atención ao público), Portugués (Atención ao público), Iniciación á rede de Internet e Xestión do emprego. Cada unha destas especialidades formativas contará con 15 alumnos e alumnas, co cal os Cursos AFD 2013 formarán en Mos a un total de 75 persoas.

Os alumnos serán seleccionados a través da Oficina de Emprego, onde deben solicitar individualmente a participación nos cursos nos que estean interesados. A gran importancia e sobre todo efectividade destes cursos radica en que contan cun período de prácticas en empresas ó seu remate. Como non podía ser doutro xeito, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o edil Óscar Soto manifestáronse hoxe “moi satisfeitos” pola concesión desta axuda autonómica e declararon que “o principal obxectivo para o Concello de Mos é favorecer a inserción laboral dos seus veciños e veciñas mediante a realización destes cursos, así coma optimizar as súas formación e empregabilidade”.

A posta en marcha destas accións formativas será case inminente. O curso de Atención sociosanitaria de persoas no domicilio iniciarase o 8 de xullo para rematar o 2 de decembro, tendo os seus alumnos e alumnas un período de prácticas en empresas do 3 ó 13 de decembro. Os cursos, tanto de Inglés coma de Portugués, terán unha duración do 15 de xullo ó 17 de setembro, con prácticas do 23 de setembro ó 2 de outubro. No caso do de Iniciación á rede de Internet, as clases comezarán o 1 de outubro e finalizarán o 22 de outubro; o período de prácticas nesta ocasión será do 23 ó 25 de outubro. E por último, o curso de Xestión do emprego empezará o 22 de xullo, acabará o 15 de outubro; e os estudiantes farán prácticas do 16 ó 31 de outubro.

En canto ó número de horas lectivas destes cursos dicir que o de Asistencia sociosanitaria a persoas no domicilio ten unha duración de 628 horas, o de Xestión de emprego de 518 horas o de Inglés (Atención ao público) de 218 horas, o de Portugués (Atención ao Público) de 218 horas tamén e o de Iniciación á rede Internet conta con 78 horas de clases.

Tendo en conta a situación económica local, as necesidades de ocupación de diversas entidades dos sectores económicos nos que inciden as especialidades formativas que se presentan, preténdese cubrir as necesidades de cualificación dos/as demandantes de emprego do municipio e de reclutamento de persoal cualificado por parte das empresas. Esta demanda de cualificación compleméntase, como xa se dixo, con convenios de prácticas laborais e compromisos de inserción, en colaboración con entidades sen ánimo de lucro e empresas.

O Concello de Mos, a través da área de Formación e Emprego ten como obxectivo primordial a orientación laboral e a formación das persoas desempregadas deste municipio, a mellora da empregabilidade das mesmas e a adaptación curricular das súas competencias ás necesidades reáis demandadas polo tecido empresarial. Unha vía para conseguir tales obxectivos e mellorar a formación a través dos cursos do plan AFD da consellería de Traballo da Xunta de Galicia, tal é o caso dos 5 cursos que a partir de xullo se impartirán no CDL (Centro de Desenvolvemento Local) de Mos.

O obxectivo do equipo de traballo da concellería de Formación e Emprego é o de facilitar a adquisición e perfeccionar as destrezas laborais necesarias para o desempeño de profesións das que existe unha gran demanda no actual mercado de traballo no ámbito social, comercial e de servizos. É por iso que se presentan cursos enmarcados en catro ámbitos fundamentais como son o social, o dos idiomas, o das novas tecnoloxías e o do emprego.

A formación no ámbito social reflíctese no curso de Asistencia sociosanitaria a persoas no domicilio: Especialidade formativa con certificado de profesionalidade, e con entidades que se comprometeron a unha inserción dos/as alumnos/as que realizarán prácticas nesas entidades.

A formación no ámbito de idiomas materialízase nos cursos de Inglés e Portugués. Especialidades que aportarán aos alumnos/as, unha formación transversal, que complementará a formación propia de cada alumno, e lles permitirá acceder a traballos para os que se esixen idiomas. A existencia de empresas con necesidades de persoal con idiomas no municipio e municipios limítrofes xustifican a realización  destes cursos, cun obxectivo de inserción de alomenos dous alumnos.

A formación no ámbito das novas tecnoloxías queda cuberta na acción formativa baixo o título Iniciación á rede Internet. Existe gran demanda na localidade de cursos básicos de alfabetización tecnolóxica. O curso que se solicita aportará ao alumno unha formación tamén transversal e coñecementos básicos no manexo de Internet.

E a formación no ámbito do emprego impartirase no curso de Xestión de emprego. Especialidade formativa que permitirá a alumnos cun perfil específico complementar a súa formación e acceder ao mercado laboral con destrezas actualizadas e necesarias neste momento de crise e de desemprego a nivel local e nacional.

Ademais este programa complétase co servizo de inserción e orientación ofrecido a través do Concello de Mos , no que se apoia ó alumno tanto para o autoemprego como para a busca de emprego por conta allea a través de información, formación, asesoramento e, sobre todo, mediante o servizo dunha bolsa de traballo e da realización de prácticas en empresa.

19 de xuño de 2013 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.