Máis de 130 establecementos participan na Noite Branca de San Juan con descontos e degustacións gratuítas
Os establecementos da Área Obelisco, Distrito Picasso, Riazor, Orzán e Monte Alto e Torre de Hércules participarán o próximo venres, 21 de xuño, na segunda edición da Noite Branca de San Juan organizada pola área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, co obxectivo de dinamizar o pequeno comercio e fomentar o consumo entre os coruñeses.
Máis de 130 locais, case medio centenar máis que na edición anterior, abrirán ese día as súas portas ata a media noite e a partir das 21.00 horas aplicarán descontos especiais e promocións como obsequios, catas de viño e cava, degustacións gratuítas, desfiles de moda ou photocall. O evento completarase con outros actos previos á festa de San Juan, como pasacalles, espectáculos de cabezudos, teatro e danza nas rúas, o musical ‘Grease’, no Pazo da Ópera, e o concerto de Hombres G ás 22.00 horas na praza de María Pita.
O tráiler musical Arde la Calle, un vehículo articulado convertible en escenario e dotado de 6.000 watios de son, percorrerá a partir da próxima semana diversos puntos da cidade dando información sobre a Noite Branca. O seu percorrido rematará con dous concertos en directo. Serán o xoves, 20 de xuño, na praza de Vigo ás 21.00 horas, e o venres, 21, na rúa Alfredo Vicenti (21.00 horas). En ambos os dous casos, a actuación correrá a cargo de ‘The Beatless, un tributo aos Beatles,’ grupo coruñés que versiona á mítica banda británica e que integran Félix Arias, Celso Madriñán, Fran Sanz e Bruno Couceiro.
A área de Emprego e Empresa editou para a ocasión 20.000 dípticos informativos, 5.000 máis que o ano anterior, co obxectivo de promover o evento na semana previa ás cacharelas de San Juan e animar os coruñeses a pasear e comprar no comercio local. Tamén proporcionará ás tendas alfombras vermellas, reforzando así a imaxe de “calidade, excelencia e diferenciación” do comercio coruñés, indicou Luisa Cid na presentación da iniciativa, á que asistiron representantes das zonas comerciais Obelisco, Picasso, Riazor e Orzán.
“Queremos que as rúas da cidade sexan tremendamente dinámicas e quentar o ambiente na antesala da festas de San Juan”, dixo o tenente de alcalde de Emprego, Empresa e responsable de Comercio tras destacar a grande acollida das noites brancas dende a súa posta en marcha en 2012 e recordar o éxito da organizada o pasado 3 maio para celebrar o Día da Nai.











