Máis de 130 establecementos participan mañá na Noite Branca de San Juan con descontos e degustacións gratuítas
Os establecementos da Área Obelisco, distrito Picasso, Riazor, Orzán e Monte Alto e Torre de Hércules participarán mañá, venres 21 de xuño, na segunda edición da Noite Branca de San Juan organizada pola área de Emprego e Empresa que dirixe Luisa Cid, co obxectivo de dinamizar o pequeno comercio e fomentar o consumo entre os coruñeses.
Máis de 130 locais, case medio centenar máis que na edición anterior, abrirán mañá as súas portas ata a media noite e a partir das 21.00 horas aplicarán descontos especiais e promocións como obsequios, catas de viño e cava, degustacións gratuítas, desfiles de moda ou photocall. O evento completarase con outros actos previos á festa de San Juan, como pasacalles, espectáculos de cabezudos, teatro e danza nas rúas, o musical Grease, no Pazo da Ópera, e o concerto de Hombres G ás 22.00 horas na praza de María Pita.
O tráiler musical Arde la Calle, un vehículo articulado convertible en escenario e dotado de 6.000 watios de son, tras percorrer diversos puntos da cidade, rematará con dous concertos en directo: hoxe, xoves 20 de xuño, na praza de Vigo, ás 21.00 horas; e mañá, na rúa Alfredo Vicenti, ás 21.00 horas. A actuación correrá a cargo de The Beatless, un tributo aos Beatles, grupo coruñés que versiona á mítica banda británica e que integran Félix Arias, Celso Madriñán, Fran Sanz e Bruno Couceiro.
A área de Emprego e Empresa editou para a ocasión 20.000 dípticos informativos, 5.000 máis que o ano anterior, co obxectivo de promover o evento na semana previa ás cacharelas de San Juan e animar os coruñeses a pasear e comprar no comercio local. Tamén proporcionará ás tendas alfombras vermellas.











